Ordes destina case 50.000 euros a apoiar ás familias con material escolar e axudas á natalidade

ACoruñaXa
As dúas convocatorias xa están abertas e permitirán solicitar ata outubro achegas para gastos educativos e para os menores nados ou adoptados durante 2025
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
25 Sep 2026

As familias de Ordes teñen xa abertas dúas novas liñas de apoio económico impulsadas polo Concello, que en conxunto mobilizan 49.000 euros dos orzamentos municipais. Unha das convocatorias está destinada a facilitar a compra de material escolar e a outra ofrece axudas pola natalidade para os nenos e nenas nados ou adoptados durante 2025.

No caso das axudas para material escolar, o Concello reservou un orzamento de 25.000 euros para apoiar ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) durante o curso 2026-2027. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de outubro.

A convocatoria está pensada especialmente para familias con menores recursos e tramitarase en réxime de concorrencia competitiva ata esgotar o crédito dispoñible. En caso de empate entre as solicitudes, terá prioridade a unidade familiar que presente unha menor renda.

Axudas de ata 90 euros para material escolar

A contía das achegas varía en función tanto da etapa educativa como dos ingresos familiares. Para o alumnado de Educación Infantil establécense axudas de 90 euros para as rendas de ata 6.000 euros e de 70 euros para aquelas situadas entre os 6.000 e os 10.000 euros.

En Educación Primaria e ESO, as cantidades serán de 50 e 60 euros, respectivamente, segundo o tramo de renda establecido na convocatoria.

Para acceder ás axudas, todos os integrantes da unidade familiar deberán estar empadroados e residir efectivamente en Ordes. O alumnado deberá estudar nun centro público situado no municipio e non poderá estar repetindo curso.

A convocatoria tamén fixa determinados límites económicos e patrimoniais. A renda per cápita familiar non poderá superar os 10.000 euros, mentres que os valores catastrais das propiedades urbanas non poderán exceder os 35.000 euros e os das propiedades rústicas os 13.000 euros, coa excepción da vivenda habitual. Ademais, as familias deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter subvencións municipais pendentes de xustificar.

As familias que reciban a axuda obterán un vale único e non fraccionable, que poderá utilizarse nos establecementos comerciais adheridos situados no municipio. O prazo para canxear estes vales rematará o 15 de decembro de 2026.

O Concello contempla tamén unha vía excepcional para atender situacións de risco, precariedade ou desprotección. Nestes casos, Servizos Sociais poderá valorar a concesión da axuda aínda que non se cumpran os requisitos ordinarios, sempre que exista un informe técnico previo e un compromiso de intervención sociofamiliar.

Ata 300 euros polas axudas á natalidade

Á convocatoria de material escolar súmase a liña de axudas á natalidade, cunha dotación total de 24.000 euros. O prazo para solicitalas permanecerá aberto ata o 26 de outubro e están destinadas ás familias que tiveran ou adoptaran un menor entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.

A achega máxima será de 250 euros por cada fillo ou filla, unha cantidade que se elevará ata os 300 euros cando o menor teña unha discapacidade certificada.

Para poder acceder a estas axudas, polo menos un dos proxenitores deberá estar empadroado en Ordes cunha antelación mínima de seis meses respecto da data do parto ou da adopción. Os menores tamén deberán figurar no padrón municipal e manter tanto o empadroamento como a residencia efectiva no municipio durante un período mínimo de tres anos.

No caso de que o número de solicitudes que cumpran os requisitos supere o crédito dispoñible, os 24.000 euros repartiranse de maneira igualitaria entre todas as familias beneficiarias, respectando os límites máximos establecidos para cada menor. Estas achegas son compatibles con outras subvencións públicas destinadas á mesma finalidade.

Coas dúas convocatorias, o Concello de Ordes mantén unha política de apoio directo ás familias, combinando medidas destinadas a aliviar os gastos asociados ao inicio do curso escolar con incentivos

0.15682816505432