Oleiros abre a inscrición para unha nova edición do Obradoiro do Corpo dirixido a mulleres

As mulleres empadroadas en Oleiros que queiran participar nunha nova edición do Obradoiro do Corpo xa poderán inscribirse a partir deste martes. A actividade, impulsada polo Concello, busca traballar o benestar físico e emocional a través de diferentes exercicios e, ao mesmo tempo, ofrecer un espazo de encontro e apoio entre as participantes.
O programa desenvolverase todos os mércores, excepto festivos, entre o 16 de setembro e o 9 de decembro, na Casa da Cultura de Perillo. Mantéñense os dous grupos das edicións anteriores, con sesións de 10:00 a 11:30 horas e de 11:30 a 13:00 horas.
Durante as sesións abordaranse cuestións relacionadas coa conciencia corporal, a postura, a flexibilidade, a respiración e a relaxación, ademais de exercicios de tonificación muscular e actividades orientadas a reforzar a autoestima.
O Concello formula así o obradoiro como unha actividade que combina o coidado físico co benestar emocional e a creación de vínculos entre as participantes.
A actividade é gratuíta e está dirixida a mulleres empadroadas en Oleiros, aínda que terán prioridade as menores de 60 anos. As interesadas poden formalizar a inscrición a través da páxina web municipal.