O Seminario Internacional de Investigación 'Mobilidades, reprodución social e desigualdades globais' chega á Facultade de Socioloxía da Coruña

A Facultade de Socioloxía da Coruña, no Campus da Zapateira, acollerá os vindeiros 22 e 23 de outubro un encontro internacional que reunirá máis dunha ducia de especialistas en ciencias sociais procedentes de oito países, xunto a activistas, profesionais do sector público e colectivos de mulleres migrantes. O obxectivo do encontro é analizar como inciden os movementos migratorios internacionais no traballo de coidados, na saúde, nos dereitos laborais e no proceso de envellecemento das mulleres.
A cita, denominada Seminario Internacional de Investigación 'Mobilidades, reprodución social e desigualdades globais: novos enfoques feministas para os estudos das migracións internacionais', está organizada polo equipo Sociedades en Movemento (ESOMI) da Universidade da Coruña, en colaboración coa rede de investigadoras galegas Mulleres á Fronte, na que participan a UDC, a USC e a UVigo.
O seminario desenvólvese dentro do proxecto de investigación MUMICU, centrado na vellez das mulleres migrantes que traballan no sector dos coidados, e conta co apoio económico do Instituto das Mulleres, dependente do Ministerio de Igualdade, así como do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o CEXEF-UDC e o Concello da Coruña.
Primeira xornada: dereitos laborais e vellez das coidadoras
A sesión do xoves 22 porá o acento na realidade cotiá e nos dereitos das traballadoras do sector dos coidados. Pola mañá abordarase a xustiza social e a protección da saúde no emprego do fogar, coa participación de voces do activismo como Rafaela Pimentel, do colectivo Territorio Doméstico; Soledad Lucero, de Movilidad Humana; e María José Santiago, do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.
A continuación tratarase o reto que supón o envellecemento e o acceso a unha xubilación digna para quen dedicou a súa vida a coidar doutras persoas. Nesta mesa intervirán a catedrática de Antropoloxía Adelina Miranda, da Universidade de Poitiers; Claudia Pedone, do CONICET e a Universidade de Bos Aires; Nerea Boneta, de Oxfam-Intermón; e o propio equipo do proxecto MUMICU, formado por Belén Fernández Suárez, Iria Vázquez Silva e Antía Pérez Caramés.
Pola tarde, o debate centrarase nas familias transnacionais e nas políticas reprodutivas, coa participación de especialistas como Andréa Lobo, da Universidade de Brasilia; Celeste Fortes, da Universidade de Cabo Verde; e Louise Virole, da Université Paris Cité.
Segunda xornada: fronteiras, teoría e experiencias locais
O venres 23, o programa virará cara aos plantexamentos teóricos, as fronteiras e as experiencias de ámbito local. A mañá comezará cunha análise sobre os nesgos eurocéntricos presentes nas ciencias sociais, a cargo de Karina Ochoa Muñoz, da Universidade Autónoma Metropolitana de México, e Breny Mendoza, da California State University. Despois abordarase o estudo das migracións e os legados coloniais, coa participación de Naïk Miret, da Universidade de Poitiers; Florence Boyer, do IRD de París; e as profesoras da USC Luzia Oca e Rosa Verdugo.
Pola tarde presentaranse traballos seleccionados mediante convocatoria aberta, que abordarán realidades moi diversas, como o impacto dos conflitos nas mulleres palestinas, as cadeas de coidados no rural galego ou a acción colectiva das traballadoras domésticas en Portugal.
Así mesmo, coincidindo coas redes internacionais vinculadas ao seminario, a cidade recibirá durante toda esa semana a visita formativa dunha trintena de estudantes e docentes dos másteres de inmigración das universidades francesas de Poitiers e Paris-Cité, que participarán nas sesións e manterán encontros con institucións e colectivos locais.
Unha obra de teatro aberta ao público
Coa intención de levar o coñecemento xerado máis alá do ámbito académico, o seminario incluirá unha actividade cultural gratuíta o venres 23 de outubro. A sala O Galgo Azul acollerá, ás 20.00 horas, unha representación do monólogo 'Harta', interpretado pola actriz Mariana Rodrigo. A obra entrelaza, entre o humor e a memoria, dúas traxectorias migratorias: a da protagonista, que viaxa desde Bos Aires a Galicia na actualidade, e a da súa avoa, que percorreu o camiño inverso durante a Guerra Civil.
Acto de inauguración
A apertura oficial do seminario celebrarase o xoves 22 de outubro, ás 09.00 horas, na Facultade de Socioloxía, situada no Campus da Zapateira. No acto participarán a concelleira de Benestar Social da Coruña, Nereida Canosa; a vicerreitora de Igualdade da UDC, Ana Isabel Ares Pernas; a secretaria do CEXEF, Emma López Bahut; a coordinadora de ESOMI, Montserrat Golías; e unha das coordinadoras do encontro, a profesora Belén Fernández Suárez.