O sector lácteo reivindica en Betanzos o valor do leite para a saúde e para o rural

ACoruñaXa
Agromuralla celebrou o Día Mundial do Leite cun posto informativo na Praza Irmáns García Naveiras, onde repartiu leite, queixo e información entre a veciñanza coincidindo coa feira quincenal
BETANZOS agromuralla dia do leite
1 Jun 2026

A Praza Irmáns García Naveiras de Betanzos converteuse este luns, 1 de xuño, nun punto de encontro entre o sector agrogandeiro e a cidadanía coa celebración do Día Mundial do Leite. A asociación Agromuralla instalou un posto informativo no centro da localidade, aberto de 10.00 a 13.00 horas, no que achegou ao público o traballo diario das explotacións leiteiras galegas.

A iniciativa, organizada coincidindo coa feira quincenal, permitiu ás persoas que se achegaron coñecer mellor o que hai detrás dun vaso de leite. Ademais de recibir información sobre os beneficios nutricionais dos produtos lácteos, os asistentes puideron probar queixo, levar unha botella de leite fresco e participar nunha actividade simbólica de muxido dunha vaca.

Agromuralla, entidade integrada por máis de 400 gandeiros e gandeiras de toda Galicia, quixo aproveitar esta xornada para reivindicar o papel esencial das explotacións leiteiras tanto na alimentación como no mantemento do rural. A súa presidenta, Noelia Rodríguez, incidiu na necesidade de achegar o labor dos produtores aos consumidores e de poñer en valor a contribución social, económica e ambiental do sector.

A asociación lembra que en Galicia quedan arredor de 5.000 ganderías de produción de leite, que funcionan como motor económico en amplas zonas rurais. Estas explotacións xeran emprego directo e indirecto, axudan a fixar poboación e manteñen activa unha parte fundamental do territorio, contribuíndo tamén ao coidado da paisaxe e á prevención dos incendios forestais.

Durante a xornada, Agromuralla tamén fixo fincapé na importancia de combater as mensaxes falsas sobre o consumo de leite e produtos lácteos. A entidade defende que o leite é un alimento completo, fonte de calcio, proteínas, vitaminas e minerais, e lembra que distintas recomendacións nutricionais aconsellan incluír tres lácteos ao día dentro dunha dieta equilibrada.

O acto combinou así a parte informativa coa reivindicación dun sector que, segundo a asociación, segue sen recibir todo o recoñecemento social que merece. Baixo a idea de que 'onde hai un gandeiro, hai vida', Agromuralla trasladou en Betanzos unha mensaxe clara: o leite non só alimenta, senón que tamén sostén o rural galego.

0.10953402519226