O SAF chega ao pleno entre críticas pola precariedade laboral en Oza Cesuras

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) centrou parte do debate político no pleno de Oza Cesuras, onde o BNG reclamou medidas para garantir os dereitos laborais das traballadoras que prestan atención ás persoas usuarias deste servizo esencial.
A portavoz nacionalista, Estefanía Busto, defendeu unha iniciativa coa que buscaba instar ao goberno local a supervisar o cumprimento do convenio colectivo por parte da empresa concesionaria. Segundo advertiu o BNG, as empregadas do SAF afrontan unha situación laboral que cualifica de 'insostíbel', marcada polo bloqueo da negociación colectiva, a falta de actualización salarial vinculada ao IPC e o incumprimento das táboas salariais.
Busto asegurou que o Concello, como responsábel último do servizo, non pode desentenderse da situación. 'O goberno municipal non pode seguir mirando para outro lado mentres se incumpren os convenios e se atrasan os pagamentos', sinalou a portavoz.
Un dos puntos nos que máis incidiu a formación foi a xestión dos desprazamentos nun concello rural e disperso como Oza Cesuras. O BNG denunciou que moitos traxectos non se computan como tempo efectivo de traballo e que a compensación por quilometraxe, fixada segundo a formación en 18 céntimos por quilómetro, obriga as traballadoras a asumir parte dos custos para poder desenvolver o seu labor.
A moción tamén propoñía incorporar cláusulas sociais nos contratos públicos vinculados ao servizo, de maneira que a oferta económica non fose o único criterio de adxudicación e se valorasen aspectos como a estabilidade laboral, as melloras salariais e a calidade da atención.
A iniciativa non saíu adiante polo voto en contra do goberno municipal do PP. Segundo o BNG, o alcalde defendeu que, no caso de existir algún problema, as traballadoras deberían acudir á Inspección de Traballo. A formación nacionalista lamentou esta resposta e acusou o executivo local de desoír as demandas dun colectivo que considera clave para o sistema público de coidados.
O BNG tamén estendeu as súas críticas á Xunta de Galiza, á que responsabiliza dun financiamento insuficiente do SAF. A formación sostén que o actual modelo de xestión prioriza o beneficio empresarial fronte á mellora das condicións laborais e á calidade do servizo que reciben as persoas usuarias.