O sabor do mar toma as barras coa primeira Ruta do Pincho Mariñeiro en Miño

ACoruñaXa
Treces establecementos ofrecerán creacións con produto mariño os días 17 e 18 de abril, con prezos entre 1 e 3 euros
MIÑO ruta do pincho 2026
14 Apr 2026

Miño estreará esta semana a súa primeira Ruta do Pincho Mariñeiro, unha cita gastronómica coa que o Concello e a hostalería local queren poñer en valor os produtos do mar e reforzar o atractivo do municipio como destino culinario. A proposta celebrarase o venres 17 e o sábado 18 de abril en 13 establecementos da localidade.

Durante esas dúas xornadas, os locais participantes servirán un pincho mariñeiro propio en horario de 12.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas. Cada establecemento presentará unha elaboración diferente con produtos do mar da contorna, cun prezo que oscilará entre 1 e 3 euros para facilitar que veciñanza e visitantes poidan percorrer a ruta e probar distintas propostas.

A maior parte dos negocios participantes concéntranse no núcleo urbano, onde se atopan 11 dos 13 locais adheridos á iniciativa. A oferta complétase cun establecemento situado na praia de Perbes e outro no Club de Golf de Miño, ampliando así o percorrido a outros espazos de interese do municipio.

As creacións preparadas para esta primeira edición terán como protagonistas ingredientes como ostras, mexillóns, langostinos, vieiras ou corvina, nun escaparate gastronómico que busca amosar a riqueza mariñeira da zona a través de propostas variadas, creativas e de calidade.

A Ruta do Pincho Mariñeiro supón ademais o peche do programa 'Cociña Mariñeira', impulsado polo Concello de Miño para promocionar o produto local e fomentar a formación no sector hostaleiro. Esta iniciativa conta co apoio do GALP Ártabro Norte a través dos Fondos FEMPA.

Coa posta en marcha desta cita, o Concello aspira tamén a dinamizar a economía local, favorecer a colaboración entre profesionais vinculados ao mar e converter a ruta nun punto de encontro para residentes e visitantes arredor da gastronomía.

0.11652898788452