O PSOE leva ao Parlamento o estado da aula teatro do CIFP Imaxe e Son

ACoruñaXa
A deputada Silvia Longueira reclama á Xunta que execute este verán as obras pendentes e habilite un espazo alternativo para garantir a formación do alumnado
A CORUÑA cifp imaxe e son sen teatro
Imaxe de Alejandro Lorenzo Naya na zona en obras do teatro
29 May 2026

O Grupo Socialista denunciou no Parlamento galego a situación do CIFP Imaxe e Son da Coruña, onde a aula teatro leva dous anos inhabilitada á espera de que se complete a súa reforma. A deputada Silvia Longueira cualificou a situación de 'abandono absoluto' por parte do Goberno galego e reclamou que os traballos se executen durante os meses de verán.

Longueira presentou unha iniciativa na Comisión de Educación para esixir á Xunta que remate unha actuación que, segundo explicou, foi licitada en 2022 e que debía estar resolta nun prazo aproximado de seis meses. O espazo, sinalou, é fundamental para a formación do alumnado deste centro de referencia no ámbito audiovisual.

A parlamentaria advertiu de que este ano sairá a primeira promoción que non puido acceder a contidos e experiencias vinculadas ao uso da aula teatro, o que, ao seu xuízo, afecta directamente á preparación dos estudantes. Segundo indicou, a comunidade educativa continúa denunciando incerteza e ausencia de prazos claros.

O Grupo Socialista apunta que a reforma acumulou distintos atrancos desde o seu inicio, entre eles problemas estruturais non previstos, zonas con amianto e presenza de gas radón, modificacións no proxecto, sobrecustos e dificultades económicas da empresa encargada dos traballos.

Longueira tamén pediu ao Goberno galego que remita ao Parlamento un informe detallado sobre o ocorrido e sobre as causas que provocaron o atraso das obras. Ademais, reclamou que se habilite un espazo alternativo para que o alumnado poida desenvolver as actividades educativas necesarias mentres a aula teatro continúa sen uso.

0.13241696357727