O PSdeG leva á Cámara galega o bloqueo das obras no Imaxe e Son tras dous cursos sen auditorio

ACoruñaXa
Os socialistas reclaman á Xunta explicacións polo atraso no CIFP da Coruña e urxen unha solución para evitar máis prexuízos na formación do alumnado
A CORUÑA eis teatro
18 Apr 2026

O Grupo Parlamentario Socialista rexistrou no Parlamento de Galicia unha iniciativa para pedir explicacións pola paralización das obras no CIFP Imaxe e Son da Coruña, onde o salón de actos leva dous cursos sen estar operativo. O PSdeG advirte de que a situación está a afectar de forma directa á formación do alumnado nun centro considerado de referencia no eido audiovisual.

Segundo expón a formación socialista, o auditorio é un espazo fundamental para o desenvolvemento das ensinanzas vinculadas á iluminación, o son, a produción e a realización de espectáculos. Porén, as instalacións seguen inutilizadas despois dunha intervención iniciada para modernizalas e que, co paso do tempo, quedou encallada.

Os socialistas lembran que en novembro de 2022 se anunciou a licitación da renovación integral do salón de actos cun prazo de execución de seis meses. A obra, con todo, quedou interrompida ao aparecer deficiencias non previstas, deixando o espazo totalmente desmontado, sen butacas, sen escenario e sen posibilidade de uso.

Desde o centro educativo, engaden, xa se trasladou que esta carencia ten consecuencias directas sobre a aprendizaxe, ao impedir ensaios e prácticas técnicas esenciais que requiren dun espazo escénico axeitado. A comunidade educativa viuse obrigada a buscar alternativas improvisadas para tentar manter a actividade, aínda que iso supón, segundo denuncia o PSdeG, a perda de contidos e experiencias clave para a preparación do estudantado.

A deputada socialista Silvia Longueira puxo o foco no peso do CIFP Imaxe e Son dentro do sector audiovisual e advertiu de que o alumnado leva dous anos sen poder realizar prácticas fundamentais. Por iso, o seu grupo preguntará á Xunta cando prevé rematar as actuacións e reclama que as obras estean concluídas antes do inicio do vindeiro curso.

Ademais, a iniciativa socialista pide ao Goberno galego un informe detallado sobre as causas do atraso e a habilitación urxente dun espazo alternativo que permita desenvolver a actividade formativa mentres o auditorio continúe pechado.

0.14031100273132