O CIFP Imaxe e Son leva ao Fórum a súa gala mentres reclama recuperar o teatro

ACoruñaXa
O centro celebra este mércores os IES Carballeira, a súa entrega anual de galardóns, marcada pola reivindicación dun espazo escénico propio tras dous anos de obras paralizadas
A CORUÑA ies imaxe e son sen teatro
Imaxe de Alejandro Lorenzo Naya
20 May 2026

O CIFP Imaxe e Son da Coruña celebrará este mércores 20 de maio, ás 18.30 horas, no Fórum Metropolitano, unha nova edición da Gala EIS Carballeira, o encontro anual no que o centro recoñece os mellores traballos audiovisuais realizados polo alumnado de segundo curso. A cita volverá reunir estudantado, profesorado e profesionais do sector nun evento que combina celebración, aprendizaxe e reivindicación.

A gala, que naceu en 1992, é xa unha das actividades máis representativas da comunidade educativa do centro. Nesta edición entregaranse quince premios en categorías vinculadas á produción de espectáculos e proxectos audiovisuais, sonorización, gravación de son, fotografía, iluminación, vídeo, animación, retransmisión televisiva, rexiduría, dirección audiovisual, documental, ficción e espectáculo en directo.

Entre os proxectos finalistas figuran títulos como 'Acala', 'A morte vermella', 'Barroco', 'Soplarei, Soplarei' ou 'Miraxes'. Ademais, durante a velada tamén se darán a coñecer os gañadores do certame de podcast 'E ti, que peli escolles?', impulsado pola Biblioteca e polo departamento de Dinamización Lingüística.

O evento está organizado como unha práctica interciclo polo alumnado de primeiro dos ciclos de Produción, Realización, Imaxe e Son. A proposta permite reproducir unha experiencia profesional real, desde a planificación ata a execución dun acto de gran formato, e reforza o carácter práctico dunha escola orientada directamente ao sector audiovisual.

A entrega de premios contará coa participación de docentes do centro e de profesionais destacados do audiovisual galego, entre eles o director de cinema Simón Casal e o técnico de imaxe da TVG Manuel Esmorís, antigo alumno da Escola de Imaxe e Son.

A celebración, con todo, chega marcada pola situación da aula-teatro do centro, que continúa pechada pola paralización das obras de reforma e das actuacións previstas para eliminar o radón nas instalacións. O alumnado leva meses reclamando unha solución que lle permita recuperar un espazo fundamental para a súa formación, especialmente nos ciclos ligados á realización de espectáculos, iluminación, son e produción.

A obra fora comprometida pola Consellería de Educación no ano 2020, pero o proceso acumulou atrasos administrativos, unha nova licitación e problemas técnicos durante a execución. Desde maio de 2024, a comunidade educativa denuncia que o centro conta cun burato no lugar do teatro e sen unha solución clara sobre a continuidade dos traballos.

Nos últimos meses, estudantes da EIS impulsaron unha campaña nas redes sociais baixo o cancelo '#teatronaeisxa', coa que recibiron o apoio de profesionais da escena e do audiovisual galego. A Gala EIS Carballeira volverá ser así unha mostra do talento que sae das aulas, pero tamén un escaparate para reclamar os medios necesarios para formarse en condicións dignas.

0.13403296470642