As obras paralizadas do auditorio da Escola de Imaxe e Son chegan ao Parlamento

ACoruñaXa
O PSdeG pedirá explicacións á Xunta polo atraso nunha reforma que deixa ao alumnado sen un espazo clave para as súas prácticas
A CORUÑA eis teatro
15 May 2026

A situación do auditorio do CIFP Imaxe e Son da Coruña chega este venres ao Parlamento de Galicia. A deputada Silvia Longueira e o deputado Aitor Bouza, do Grupo Parlamentario Socialista, preguntarán á Consellería de Educación polos motivos que manteñen paralizadas desde hai máis de dous anos as obras dun espazo considerado esencial para a formación práctica do alumnado.

O centro, unha referencia en Galicia no ámbito audiovisual, leva dous cursos sen poder empregar o seu salón de actos. A sala é unha peza fundamental para desenvolver prácticas de iluminación, son, produción e realización de espectáculos, especialmente nos ciclos superiores que se imparten na escola, como Produción de audiovisuais e espectáculos, Realización de proxectos audiovisuais e espectáculos, Son para audiovisuais e espectáculos ou Iluminación, captación e tratamento de imaxe.

A intervención foi anunciada pola Xunta en novembro de 2022 cun investimento de máis de 877.000 euros e un prazo de execución previsto de seis meses. A actuación buscaba renovar integralmente o salón de actos, mellorar a acústica, modificar a escena e ampliar as posibilidades docentes do espazo.

Porén, segundo recolle a iniciativa socialista, as obras quedaron bloqueadas tras detectarse deficiencias non previstas e o auditorio permanece desmontado, sen poder ser utilizado pola comunidade educativa. O PSdeG advirte de que esta situación está a limitar ensaios, prácticas técnicas e experiencias formativas fundamentais para un alumnado que se prepara precisamente para traballar no sector audiovisual e escénico.

Os socialistas reclaman á Xunta que aclare por que continúa paralizada a obra e cando prevé devolver ao centro un espazo imprescindible para unha formación profesional de calidade. A pregunta que levarán á comisión de Educación e Cultura busca poñer prazo a unha situación que, segundo denuncian, xa afecta a varias promocións de estudantes.

0.12714314460754