O PSOE de Carral acusa ao PP e aos concelleiros non adscritos de impedir o debate de tres mocións no pleno

ACoruñaXa
Os socialistas critican a falta de acordos na sesión e alertan da incerteza sobre o futuro da FP Básica e do acceso á vivenda no municipio
CARRAL pleno fp
31 Jul 2026

O Grupo Municipal Socialista de Carral fixo balance do pleno ordinario celebrado o pasado 30 de xullo, unha sesión que cualifica de decepcionante pola falta de acordos e polo rexeitamento, segundo denuncia, a debater varias das mocións presentadas pola oposición.

Na súa valoración, o PSOE explica que apoiou diferentes puntos da orde do día, entre eles unha modificación de crédito para destinar máis de 127.000 euros a gasto corrente, aínda que considera elevada esta contía a estas alturas do exercicio. Tamén votou a favor da incorporación de remanentes para a adquisición de terreos e equipamentos municipais, aínda que sostén que estes investimentos deberían estar previstos desde o inicio no orzamento.

Os socialistas tamén respaldaron o pagamento de facturas con reparos de Intervención, argumentando que as empresas non deben asumir as consecuencias dos erros administrativos. Segundo indican, este punto non saíu adiante tras o voto en contra do Goberno municipal e o sentido do voto dos concelleiros non adscritos.

A formación asegura ademais que o Partido Popular e os edís non adscritos impediron o debate de tres mocións. Entre elas figuraba unha iniciativa do PSOE para estudar, xunto cos concellos limítrofes, unha proposta de concentración das ensinanzas de Bacharelato e Formación Profesional que posteriormente se trasladaría á Xunta de Galicia. Tamén quedou sen debate outra moción socialista para analizar posibles bonificacións ás persoas empadroadas no acceso ás instalacións municipais e unha proposta de Alternativa dos Veciños na que se reclamaban solucións urxentes aos problemas de abastecemento de auga no Xalo.

No apartado de rogos e preguntas, o grupo socialista afirma que trasladou ao alcalde a preocupación pola situación do alumnado matriculado na FP Básica de Carral, asegurando que, a finais de xullo, segue sen coñecer cal será o seu futuro académico. Tamén criticou a política municipal en materia de vivenda, defendendo que o problema do acceso á mesma require medidas concretas.

Os socialistas conclúen que o pleno rematou 'sen acordos, sen debate e sen respostas ás preocupacións da veciñanza', unha situación que consideran afastada do papel que debe desempeñar a corporación municipal.

0.11897492408752