O PP ve na dimisión de Noemí Díaz 'un síntoma da descomposición interna' do Goberno de Inés Rey

O Grupo Municipal Popular da Coruña valorou este venres a dimisión da concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, asegurando que a súa marcha evidencia a situación interna do Goberno local.
O concelleiro popular Roberto Rodríguez comezou a súa valoración desexándolle 'toda a sorte nesta nova etapa na actividade privada' á edil socialista, aínda que asegurou que a súa renuncia 'reflicte o que era un segredo a voces'.
Segundo Rodríguez, a saída de Díaz supón 'unha pinga máis nun vaso xa cheo', ao considerar que o executivo de Inés Rey atravesa unha situación de 'descomposición interna'.
'Estamos ante un fin de ciclo. Inés Rey renunciou a xestionar a cidade e xa non pode tapar por máis tempo as gretas dun Goberno roto', afirmou o concelleiro popular.
Rodríguez atribuíu esa situación á 'concentración de poder nunha soa persoa', en referencia ao portavoz do Goberno local, José Manuel Lage Tuñas, e asegurou que existe un 'ninguneo' ao resto dos concelleiros do executivo.
Nas súas declaracións tamén lembrou que antigas concelleiras do Goberno municipal denunciaron presunto acoso laboral durante o exercicio das súas funcións, un feito que, segundo indicou, exemplifica a situación interna do executivo.
Por último, Roberto Rodríguez sostivo que a alcaldesa 'non lidera ningún proxecto de cidade nin ao seu propio Goberno' e asegurou que a cidadanía 'está cansa' da actual etapa municipal cando resta menos dun ano para as eleccións locais de 2027.