O PP mantén o seu rexeitamento ao proxecto do Parque do Agra tras o acordo entre PSOE e BNG

O debate sobre o futuro do Parque do Agra volve subir de ton na Coruña antes da súa chegada ao pleno municipal de maio. O grupo municipal do PP trasladou este venres no barrio do Agra do Orzán a súa oposición á nova proposta urbanística pactada entre o Goberno local e o BNG, ao considerar que os cambios anunciados non modifican o fondo do proxecto.
A formación popular instalou unha carpa informativa na zona para explicar a súa postura aos veciños e insistiu en que non apoiará a modificación puntual do PXOM prevista para este ámbito. O expediente fora retirado do pleno de abril ao non contar cos apoios suficientes e volverá agora á sesión de maio tras o acordo político alcanzado entre PSOE e BNG.
O pacto anunciado contempla unha redución da edificabilidade, a retirada dun dos edificios previstos, a reserva do 83% do ámbito para zonas verdes e equipamentos, un aparcadoiro subterráneo de 350 prazas e a creación de 85 vivendas protexidas. Con todo, o PP sostén que esas modificacións son insuficientes e que a proposta segue sen responder ás demandas dunha parte da veciñanza.
Segundo o grupo popular, o proxecto mantén a maior parte dos bloques residenciais previstos, reduce o parque respecto ao que permitiría o planeamento e substitúe boa parte das prazas gratuítas de estacionamento por un aparcadoiro de pago. Tamén cuestiona o cómputo dalgúns espazos como equipamentos, entre eles os accesos ao Observatorio.
O portavoz popular, Miguel Lorenzo, afirmou que o seu grupo non facilitará a aprobación do documento no pleno do 14 de maio. A súa posición pasa por defender máis zona verde, máis equipamentos públicos e unha solución de vivenda e mobilidade que, segundo sinalan, conte cun maior consenso veciñal.
O PP tamén dirixiu as súas críticas ao BNG, ao que acusa de cambiar de posición respecto ao debate urbanístico deste ámbito. Os populares lembran que en 2020 a formación nacionalista rexeitara unha proposta anterior ao reclamar que toda a zona se destinase a parque, mentres que agora prevé apoiar un documento que continúa permitindo a construción de vivendas.
O novo episodio político chega nun ámbito especialmente sensible para o Agra do Orzán, un dos barrios con maior densidade urbana da cidade y cunha demanda histórica de máis espazos libres. A aprobación inicial da modificación urbanística dependerá agora da votación do pleno, onde o Goberno local precisará o apoio do BNG para sacar adiante o expediente.