O pleno de Ordes impulsa un novo regulamento para controlar a xestión económica municipal

ACoruñaXa
O Concello aposta pola fiscalización previa limitada para axilizar a tramitación de expedientes, unha medida que saíu adiante cos votos do Goberno local e a abstención da oposición
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
30 Apr 2026

O Concello de Ordes deu o primeiro paso para contar cun regulamento propio de control interno da actividade económico-financeira. O texto foi aprobado inicialmente no pleno municipal celebrado este mércores e permitirá dotar ao departamento de Intervención dun marco normativo específico para desenvolver o seu labor con maior seguridade e axilidade administrativa.

Ata o momento, o réxime de fiscalización viña recollido de maneira máis xenérica nas bases de execución dos orzamentos. Co novo regulamento, o Concello busca evitar a aplicación de normas dispersas e contar cun procedemento máis claro para revisar a xestión económica municipal.

A modalidade elixida é a de fiscalización e intervención previa limitada con modelo normal de contabilidade. Este sistema céntrase na comprobación de requisitos básicos antes de aprobar os expedientes, como a existencia de crédito, a adecuación do gasto ou a competencia do órgano responsable. Posteriormente, completarase cun control financeiro por mostraxe, que permitirá revisar expedientes xa tramitados para comprobar que se axustan á legalidade.

Durante o debate plenario, o BNG reclamou que o Concello dispoña de 'medios reais' para que o persoal poida desenvolver este labor con garantías. O voceiro nacionalista, Pablo Vidal, tamén pediu que os informes sexan remitidos á corporación municipal para manter a capacidade de fiscalización por parte dos grupos.

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE de Ordes cuestionou que a proposta aposte máis polos mecanismos de prevención que por un control correctivo máis intenso. A súa voceira, Noelia Ribadas, defendeu un modelo de fiscalización previa plena, especialmente nos expedientes de contratación de obras e servizos. Os socialistas insistiron tamén na necesidade de evitar tramitacións ou obrigas derivadas de facturas que non estean vinculadas a un expediente de gasto iniciado e con crédito dispoñible.

A pesar das críticas, os grupos da oposición coincidiron na conveniencia de que o Concello conte cun regulamento propio de control interno. A aprobación inicial saíu adiante cos 9 votos favorables do Goberno local e as 8 abstencións da oposición.

0.14363694190979