O pan máis emblemático de Carral será o protagonista dunha nova ruta gastronómica

O pan de Carral volverá reclamar o seu sitio na mesa, desta vez como fío condutor dunha nova ruta gastronómica. O Concello porá en marcha o vindeiro mes de xuño Entre migas e tostas, unha iniciativa pensada para dinamizar a hostalería local e reforzar a promoción dun dos produtos máis recoñecidos do municipio.
A proposta celebrarase o sábado 6 e o domingo 7 de xuño, dúas xornadas nas que veciñanza e visitantes poderán percorrer os establecementos participantes para degustar diferentes elaboracións con pan de Carral como ingrediente principal. Cada consumición terá un prezo único de 5 euros e incluirá a tosta e a bebida.
A ruta nace como a primeira iniciativa destas características no municipio e xa conta con máis dunha decena de negocios adheridos. O obxectivo é sumar unha nova ferramenta de apoio ao sector hostaleiro, ao tempo que se ofrece unha actividade atractiva para achegar público aos locais e poñer en valor o produto local.
Desde o Concello sinalan que Entre migas e tostas segue a liña doutras accións de dinamización comercial e gastronómica, como o concurso Tapeando Carral. A aposta, neste caso, céntrase nun produto con identidade propia e fonda tradición no municipio, convertido agora na base de propostas creativas pensadas para todos os públicos.
Os establecementos interesados en sumarse á ruta aínda poden contactar co Concello de Carral a través do teléfono 981 613 520 e preguntar pola técnica de Educación.