O IX Concurso de Postais de Nadal de Irixoa busca o talento artístico dos máis pequenos

ACoruñaXa
O certame está dirixido a menores de 3 a 14 anos empadroados no municipio e establece catro categorías, cada unha cun premio de 70 euros
IRIXOA concurso postais
16 Nov 2026

A creatividade dos máis pequenos volverá ser protagonista co IX Concurso de Postais de Nadal de Irixoa, unha iniciativa coa que o Concello anima a nenos e nenas a preparar as súas propias creacións para celebrar estas festas. O certame está dirixido a menores empadroados no municipio e establece catro categorías por idades: de 3 a 5 anos, de 6 a 8, de 9 a 11 e de 12 a 14 anos.

Cada categoría contará cun premio composto por un vale agasallo de 70 euros, un diploma e un agasallo. Deste xeito, o concurso busca fomentar a participación e a expresión artística dos participantes, adaptando a competición aos diferentes tramos de idade.

As persoas interesadas deberán entregar a folla de inscrición xunto coa postal ou postais nun sobre no que figuren os datos do menor. A documentación pode presentarse presencialmente nas oficinas xerais do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou enviarse por correo postal ao Concello de Irixoa, no Pazo de Irixoa, número 6, 15313 Irixoa (A Coruña).

O prazo de presentación remata este luns, 16 de novembro, polo que as familias interesadas deberán entregar os traballos ao longo da xornada. As bases completas e a información sobre o concurso poden consultarse a través dos medios municipais.

0.14286518096924