O eclipse total de sol marcará un verán con deporte, cultura e natureza en Miño

ACoruñaXa
O municipio prepara unha ampla programación estival con rutas guiadas, actividades náuticas, festas tradicionais, concertos e propostas para todas as idades
MIÑO parque das idades
24 Jun 2026

Miño afronta un verán especialmente singular. O municipio será o escenario do acto central de observación do eclipse total de sol da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, previsto para o 12 de agosto no parque das Idades, unha cita que se presenta como un dos grandes atractivos da programación estival.

A axenda combina propostas culturais, deportivas, turísticas e gastronómicas durante os meses de xullo, agosto e setembro. Entre as actividades máis destacadas figura a XXV Feira da Cebola Chata de Miño, que se celebrará o 2 de agosto na rúa do Mercado e nas pistas do Rabazal. A cita cumprirá 25 edicións cun programa que incluirá postos de venda, degustacións, música tradicional, animación de rúa e os concertos de Xilo&Carlos e Zapato Veloz.

O verán tamén terá un importante peso deportivo. O Club Marítimo de Perbes organizará o 15 de agosto o XIII Gran Premio de Embarcacións Tradicionais, en homenaxe a Juan Manuel Bañobre, e o 16 de agosto a XX Travesía a Nado Praia de Perbes 'Memorial Miguel Santos'. A estas propostas súmanse os campamentos náuticos, actividades de tenis, pádel, patinaxe, aquapark e torneos de fútbol sala.

A natureza será outro dos eixos da programación. O Concello organizará rutas interpretativas polos Sendeiros Azuis de Miño, con percorridos pola Senda dos Sentidos, os muíños do río Medio, as marismas do río Baxoi e os muíños do río Xarío. Todas as rutas comezarán ás 10.30 horas, terán prazas limitadas e requirirán inscrición previa na Oficina de Turismo.

No apartado cultural destaca a V Feira da Cultura ENCaMiño, que se celebrará do 16 ao 19 de xullo nas pistas do Rabazal e no Centro Social da Rúa, con espectáculos, lectura, música e actividades para todos os públicos. Tamén haberá sesións musicais dos 'Solpores de verán' na Praia Grande, cinema familiar en Viadeiro e Castro, festas tradicionais como o Carme, Nosa Señora ou San Ramón, e actividades impulsadas por entidades veciñais.

O programa complétase con obradoiros, clases de ioga, pintura, música, pilates, zumba, boxeo e propostas infantís, nunha oferta pensada para veciñanza e visitantes. Desde o Concello destacan a variedade da programación e animan a aproveitar os meses estivais para gozar das praias, dos espazos naturais e da vida social do municipio.

0.13742709159851