O Concello de Ordes licita a explotación da barra das festas patronais cun canon mínimo de 29.000 euros

O Concello de Ordes abriu o prazo para presentar solicitudes á licitación da explotación da barra de bar das festas patronais de Santa María de Ordes, que se celebrarán entre os días 12 e 16 de agosto. As persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 30 de xullo, cun canon mínimo fixado en 29.000 euros, que será obxecto de licitación á alza.
Segundo recollen os pregos de prescricións técnicas, a empresa adxudicataria deberá asumir tanto a instalación como a retirada de todo o equipamento necesario para a prestación do servizo. A barra situarase na contorna do recinto festivo e poderá contar cunhas dimensións máximas de 30 metros de longo por 4 de ancho, sen superar os 120 metros cadrados de superficie.
O horario de funcionamento será, con carácter xeral, de 11.00 a 4.00 horas, ampliándose ata as 4.30 horas nas fins de semana e nas vésperas de festivos, de acordo coa normativa autonómica vixente.
O contrato tamén establece que a empresa deberá contratar o persoal necesario para o desenvolvemento da actividade, cumprindo coa lexislación laboral e de seguridade social, ademais de dispoñer dos seguros obrigatorios e dunha póliza de responsabilidade civil que cubra os posibles danos derivados da instalación e do seu funcionamento, especialmente aqueles que poidan afectar ao público asistente.
Así mesmo, as instalacións deberán contar con frigoríficos e conxeladores para a conservación dos produtos, subministración de auga potable e un sistema hixiénico para a eliminación de residuos sólidos e líquidos.