O Concello de Ordes descarta un vertido da EDAR tras a aparición de peixes mortos no río Cabrón

O Concello de Ordes quixo transmitir unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza tras a aparición de varios peixes mortos no Rego da Fraga, na súa confluencia co río Cabrón. A incidencia foi detectada na tarde noite do pasado 26 de xuño e motivou a activación dos protocolos de actuación por parte do 112.
Segundo informou o Goberno municipal, o punto no que apareceron os peixes atópase a máis de dous quilómetros augas abaixo da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ordes. Tras recibir o aviso, os organismos competentes desprazáronse ata a zona para investigar as causas do suceso.
O Concello explica que a empresa concesionaria do servizo municipal de abastecemento e saneamento realizou unha inspección das instalacións da depuradora, tomou mostras e comprobou o correcto funcionamento da infraestrutura. Segundo os resultados destas comprobacións, non se detectou ningún vertido procedente da EDAR.
Por este motivo, o Goberno local insiste en trasladar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía respecto ao funcionamento e control da estación depuradora, ao tempo que subliña que as investigacións continúan abertas para determinar a orixe da mortaldade de peixes.
Desde o Concello tamén quixeron agradecer o traballo desenvolvido pola Policía Local, as Forzas e Corpos de Seguridade, Augas de Galicia e o resto de servizos implicados na xestión desta incidencia.
Este comunicado chega despois de que a aparición de troitas mortas no río Cabrón e no Rego da Fraga xerase preocupación e motivase peticións para investigar as posibles causas do episodio. As administracións competentes continúan traballando para esclarecer o sucedido.