O BNG de Ordes pide investigar a aparición de troitas mortas no río Cabrón e no rego da Fraga

O Bloque Nacionalista Galego de Ordes presentará un rogo no Concello para solicitar unha investigación sobre a aparición de numerosas troitas mortas no río Cabrón e no rego da Fraga, un feito detectado o pasado venres 26 de xuño na contorna de Guindiboo de Arriba.
A iniciativa, asinada polo portavoz municipal da formación, Pablo Vidal Ríos, insta ao alcalde a esclarecer as causas da morte dos peixes e a determinar se existe algún tipo de incidencia ambiental na zona.
En concreto, o grupo nacionalista solicita que se leve a cabo unha investigación para coñecer a orixe do sucedido e que se comprobe se os feitos poden estar relacionados cunha posible contaminación procedente da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ordes, ao tratarse dun tramo situado augas abaixo desta instalación.
No caso de que a investigación conclúa que a morte das troitas está vinculada a un problema ou a un mal funcionamento da depuradora, o BNG reclama ao Goberno municipal que adopte as medidas necesarias de forma inmediata para corrixir a situación e evitar que poida repetirse no futuro.
Os nacionalistas consideran necesario aclarar o sucedido para garantir a protección do ecosistema fluvial e coñecer se existe algún risco ambiental que poida afectar ao río Cabrón e aos cursos de auga da contorna.