O Concello de Culleredo inspecciona unha tala en Celas pola súa posible afección ao Rego das Xesteiras

O Concello de Culleredo abriu unha investigación sobre unha tala de árbores realizada na parroquia de Celas pola súa posible incidencia na contorna do Rego das Xesteiras, un espazo natural singular no que conflúen o curso de auga e unha senda polo bosque.
A actuación foi detectada pola asociación veciñal O Val de Culleredo, que alertou da presenza de restos forestais tirados sobre o cauce. Tras o aviso, a Policía Local desprazouse na mañá deste martes ata a zona para comprobar a situación e identificar as persoas que estaban a executar os traballos.
Segundo a información trasladada polo Concello, os axentes localizaron os madeireiros encargados da corta, que actuaban por orde de propietarios de parcelas da zona. Estes, ao parecer, recibirían unha comunicación de Seaga, dependente da Consellería do Medio Rural, para levar a cabo labores de xestión da biomasa.
A investigación municipal deberá determinar agora se a tala superou os límites dos montes incluídos no requirimento e se chegou a afectar o Rego das Xesteiras. Tamén se analizará se os exemplares cortados eran os indicados, xa que poderían terse visto afectadas especies como ameneiros.
Técnicos de medio ambiente do Concello de Culleredo teñen previsto revisar este mércores a zona sobre o terreo para avaliar o alcance dos posibles danos no regato e no paseo. En función do resultado da inspección, fixaranse as medidas de corrección que correspondan.
Esta actuación prodúcese despois de que o PP de Culleredo tamén alertase da situación na contorna do Rego das Xesteiras e reclamase a intervención dos servizos competentes para comprobar o estado do cauce, tal e como recolleu este medio nunha información anterior.