Alerta pola posible afección ao Rego das Xesteiras tras unha actuación forestal

O PP de Culleredo alertou dunha actuación forestal realizada na contorna do Rego das Xesteiras, en Celas, que xerou preocupación entre a veciñanza ante unha posible afección ao cauce. Representantes da formación desprazáronse ata a zona para comprobar a situación e, tras revisar o estado do ámbito, contactaron co 112 e coa Policía Local.
Os populares explican que a Policía Local xa tiña coñecemento dos feitos e confían en que os servizos competentes avalíen canto antes o alcance da actuación e adopten, se fose necesario, as medidas oportunas para garantir a conservación do espazo e a normalidade do curso de auga.
O Rego das Xesteiras está considerado un dos enclaves naturais e patrimoniais máis destacados de Culleredo. Situado na parroquia de Celas, trátase dunha ruta fluvial e etnográfica duns 1.000 metros na que se conserva un conxunto de 11 muíños vinculados historicamente ao aproveitamento da auga para a moenda do cereal.
A formación lembra que en marzo de 2025 levou ao pleno unha moción para reclamar actuacións de conservación, posta en valor e recuperación deste ámbito, co obxectivo de protexer tanto o seu valor ambiental como os elementos patrimoniais asociados ao percorrido.
Desde o PP insisten en que o Rego das Xesteiras precisa vixilancia, coidado e mantemento continuado para evitar danos nun espazo empregado pola veciñanza e por visitantes como zona de paseo e contacto coa natureza. O grupo asegura que seguirá pendente da evolución da situación e reclama que se preserve este entorno de Celas.