O Concello de Culleredo e o PP reclaman que as 17 vivendas públicas de Vilaboa teñan continuidade

ACoruñaXa
Rioboo ofrece á Xunta novas propostas de solo para futuras promocións, mentres Izaskun García pide ao Goberno local que concrete as parcelas dispoñibles e avance na tramitación do PXOM
CULLEREDO xunta vivendas
6 Nov 2026

A licitación das 17 vivendas de promoción pública previstas en Vilaboa abriu un novo debate sobre a política de vivenda en Culleredo. Tanto o goberno municipal como o PP local coinciden na necesidade de impulsar novas promocións, aínda que poñen o foco en cuestións diferentes: o alcalde, José Ramón Rioboo, aposta por seguir explorando vías de colaboración coa Xunta e novas alternativas de solo, mentres que a portavoz popular, Izaskun García, reclama ao executivo local que concrete que parcelas municipais están dispoñibles.

Rioboo visitou este xoves a parcela da rúa Alcalde Domingo Sierra xunto á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. Durante o encontro, o rexedor agradeceu que a Xunta retirase o terreo da súa anterior previsión de venda en poxa pública para destinalo á construción de vivenda protexida.

'Estamos moi contentos de que a Xunta aceptase retirar a parcela da subasta pública e que se dedique a unha demanda tan vital como a vivenda', sinalou. O alcalde explicou que o Concello continúa traballando para dispoñer de máis solo público, pero tamén ve posibilidades de desenvolver convenios sobre terreos privados nos que poidan participar ambas administracións.

Nesa liña, avanzou que solicitará unha nova reunión coa conselleira nas próximas datas para presentarlle diferentes opcións. Allegue, pola súa banda, asegurou que recolle 'a man tendida' polo alcalde e destacou a coordinación entre os equipos técnicos municipais e autonómicos para facer posible a promoción.

O PP pide máis solo e avances no PXOM

Pola súa banda, a portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, celebrou a licitación das 17 vivendas, pero defendeu que a actuación debe ter continuidade con novas promocións. A popular lembrou que o seu grupo leva case dous anos trasladando á Consellería as dificultades de acceso á vivenda que, segundo indica, lle comunican mozos e familias do municipio.

García reclamou ao goberno de José Ramón Rioboo que explique que parcelas municipais están dispoñibles, que xestións realizou para conseguir máis solo e que propostas concretas presentou para impulsar vivenda pública. Tamén vinculou a falta de avances na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ás dificultades para planificar novos desenvolvementos e reservar terreos para vivenda protexida.

'Como alcaldesa, activarei a tramitación do PXOM e a busca de solo para vivenda pública. Quero que o Concello chegue á Xunta con parcelas e propostas concretas para construír máis', afirmou García.

A portavoz popular tamén puxo en valor a promoción de Vilaboa, que se levantará nunha parcela autonómica, e pediu que se traballe para que non sexa unha actuación illada. Así, as dúas posicións políticas coinciden en reclamar máis vivenda pública para Culleredo, pero sitúan a responsabilidade de impulsar novas oportunidades en diferentes ámbitos da colaboración institucional.

0.15237998962402