A Xunta licita por 3,5 millóns de euros a construción de 17 vivendas públicas en Culleredo

ACoruñaXa
A promoción levantarase nun edificio de baixo e catro alturas na rúa Alcalde Domingo Sierra e as empresas poderán presentar ofertas ata o 23 de decembro
CULLEREDO xunta vivendas
5 Nov 2026

A Xunta de Galicia licitou as obras para construír 17 vivendas de promoción pública en Culleredo, cun investimento total de 3,5 millóns de euros. A actuación desenvolverase nunha parcela da rúa Alcalde Domingo Sierra, onde se levantará un edificio de baixo e catro alturas.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou a licitación este xoves durante unha visita ao municipio. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de decembro.

O proxecto contempla nove vivendas de dous dormitorios e outras oito de tres. Dúas das primeiras estarán adaptadas. A fachada principal do edificio abrirase cara a zonas verdes e a varios equipamentos educativos e deportivos do concello.

A parcela na que se construirá a promoción foi cedida pola Consellería de Facenda. Segundo destacou a Xunta, o obxectivo é ofrecer vivendas públicas de calidade e eficientes.

0.17060494422913