O Concello de Betanzos presenta a súa programación polo 25N baixo o lema ‘Do Mendo ao Mandeo, cero violencias’

O Concello de Betanzos presentou a súa programación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este ano se desenvolverá baixo o lema ‘Do Mendo ao Mandeo, cero violencias’. A iniciativa incluirá propostas dirixidas a todos os públicos, con especial atención á poboación máis nova.
Entre as actividades previstas figuran obradoiros de sensibilización no ámbito educativo centrados nas violencias machistas dixitais. Tamén se organizarán propostas culturais para a mocidade co obxectivo de visibilizar o papel das redes sociais na construción e no mantemento de relacións pouco saudables.
A programación incluirá ademais unha xornada formativa dirixida a profesionais que traballan no ámbito da violencia de xénero. Baixo o título ‘A cara B das violencias machistas’, estará impartida pola cooperativa Arabías e contará co financiamento da Deputación da Coruña.
Actos centrais do 25N
Como cada ano, o Concello entregará o Distintivo Muller Emprendedora. Toda unha vida, nun acto previsto para o domingo 22 de novembro, ás 12.00 horas, no Salón Azul.
O mércores 25, ás 12.00 horas, a Praza da Constitución acollerá a lectura do manifesto institucional, que estará acompañada pola actuación musical dunha artista local.
A programación continuará o sábado 28 de novembro cunha nova edición do Roteiro Betanzos en Feminino, que sairá ás 11.00 horas da Oficina de Turismo.
Comercio e hostalaría súmanse á campaña
O Concello busca implicar tamén o conxunto da cidadanía a través da campaña ‘Do Mendo ao Mandeo, CERO Violencias’, que se desenvolverá en colaboración co comercio, a hostalaría e o tecido asociativo local. Repartiranse materiais para decorar establecementos e escaparates e contribuír así á sensibilización social.
Os negocios e entidades interesados en participar poderán adherirse ata o venres 13 de novembro a través do teléfono 981 77 07 07 ou mediante o formulario habilitado polo Concello.
Ademais, Betanzos súmase por sexto ano consecutivo á campaña ‘De fronte’, impulsada pola Deputación da Coruña contra as violencias machistas.