O casco histórico de Betanzos limita desde mañá o acceso dos vehículos cun período de proba de tres meses

ACoruñaXa
O novo sistema de cámaras permitirá aos non residentes permanecer ata 30 minutos, mentres o PP cuestiona a falta de información e sinalización antes da súa posta en marcha
BETANZOS casco historico
Imaxe: PP Betanzos
30 Sep 2026

O casco histórico de Betanzos comezará a contar desde este xoves 1 de outubro cun novo sistema de regulación do acceso de vehículos mediante cámaras. A medida aplicarase inicialmente durante tres meses como período de proba e adaptación, polo que non haberá sancións ata o 1 de xaneiro de 2027.

O sistema busca priorizar os desprazamentos peonís e favorecer unha convivencia regulada entre as persoas e os vehículos. O Concello defende que a medida debe contribuír tamén a potenciar o comercio e a hostalaría do casco histórico.

As cámaras estarán situadas nos principais puntos de entrada e saída da zona histórica, entre eles a Porta da Vila, os arcos da Ponte Nova e Ponte Vella, Os Ánxeles, Cabildos, a avenida de Castela e a praza de Galicia.

A regulación permitirá o acceso a todos os vehículos, aínda que con condicións diferentes segundo se trate de residentes ou non residentes. As persoas residentes non terán límite de tempo, mentres que os vehículos de persoas que non residan na zona disporán dun máximo de 30 minutos.

Quen poderá acceder sen límite de tempo

O Concello habilitará un listado de vehículos autorizados para circular sen límite temporal. Ademais das persoas residentes, estarán incluídos propietarios de vivendas no casco histórico que non estean empadroados, usuarios con prazas de garaxe na zona, vehículos de coidadores de persoas maiores ou dependentes, servizos e actividades comerciais e determinados aloxamentos turísticos.

No caso de que un vehículo que cumpra os requisitos non figure na relación de autorizados, o propietario poderá comunicalo ao Concello e achegar a documentación necesaria para acreditar a súa situación.

Para as persoas non residentes, o límite de 30 minutos pretende facilitar xestións persoais e comerciais, así como determinados accesos a servizos situados no casco histórico.

As cámaras rexistrarán as horas de entrada e saída. No caso de superar o tempo establecido por unha causa de forza maior, os condutores disporán de 48 horas para presentar unha xustificación acreditada ante a Policía Local.

Cambios na circulación e zonas de estacionamento

A regulación tamén introduce cambios na circulación. Un deles afecta á rúa Prateiros, onde se prohibirá a baixada cara ao arco da Ponte Vella, salvo para os residentes desa zona, concretamente da propia rúa, A Cerca e As Venelas.

O Concello sinala que esta medida pretende evitar que a vía sexa utilizada como atallo e reducir determinadas circulacións a velocidades consideradas inadecuadas.

Durante o mes de outubro tamén se irá completando a sinalización dos aparcamentos habilitados e das zonas de carga e descarga. O horario establecido para estas últimas será de 7.00 a 12.00 horas e de 16.00 a 17.00 horas. Fóra destas franxas estará permitido o estacionamento.

O PP cuestiona a información ofrecida polo Concello

A posta en marcha do sistema chega acompañada das críticas do Partido Popular de Betanzos, que cuestiona a información facilitada polo Goberno local antes da entrada en funcionamento da regulación.

A portavoz municipal popular, Ceci Vázquez, asegura que a veciñanza non dispón, segundo a súa formación, de información suficiente sobre a aplicación da normativa e reclama tamén respostas aos recursos de reposición presentados polo PP contra o acordo municipal.

Entre as cuestións que os populares poñen sobre a mesa están a instalación de carteis e paneis informativos, a sinalización horizontal, a información sobre os vehículos xa incluídos na base de datos de autorizados e a ferramenta da sede electrónica para xustificar os excesos de tempo. O PP tamén cuestiona que non se buscara, ao seu xuízo, o consenso suficiente cos sectores afectados. Estas críticas xa foran expostas pola formación antes da entrada en funcionamento do sistema.

O Concello, pola súa banda, defende precisamente os tres primeiros meses como unha fase de adaptación destinada a detectar e corrixir posibles incidencias antes da entrada en vigor definitiva do sistema sancionador.

A regulación definitiva está prevista para o 1 de xaneiro de 2027, unha vez rematado o período inicial de proba.

0.15325498580933