O BNG rexeita o PXOM de Betanzos pola previsión de construír no Carregal

O BNG de Betanzos anunciou que votará en contra da aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que será debatido nun pleno extraordinario convocado para o luns 18 de maio, ás 20.30 horas, no salón de plenos da Casa do Concello.
A decisión chega nun momento clave para a tramitación urbanística do municipio, que segue rexido por normas subsidiarias aprobadas en 1996 e non adaptadas á LOUG, segundo recolle o sistema autonómico de información urbanística. O novo PXOM está chamado a ordenar o crecemento futuro de Betanzos, aínda que o documento mantén abertas fortes discrepancias políticas arredor do modelo de cidade.
A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, defendeu que Betanzos precisa un PXOM, pero advertiu de que a súa formación non apoiará un documento que, ao seu xuízo, non garante unha planificación sostíbel. 'É preferíbel agardar e contar cun planeamento que ordene e planifique o crecemento do concello de maneira sustentábel', sinalou.
O principal punto de desacordo sitúase no Carregal. O BNG sostén que o plan continúa permitindo a construción de vivenda, pública ou privada, nunha zona que considera asolagábel. Para as nacionalistas, este espazo debería converterse nunha zona verde para uso e desfrute da veciñanza, e non destinarse a novos desenvolvementos urbanísticos.
Sánchez lembrou que o grupo mantivo durante este mandato unha posición dialogante co goberno local do PSOE e que, durante as negociacións, conseguiu introducir modificacións no documento. Entre elas, citou a eliminación dun dos solos urbanos non consolidados previstos en Infesta, a redución doutro ámbito nesa zona, a retirada do vial de Infesta e a eliminación de construcións proxectadas no Frade e na Cañota.
Con todo, a formación considera que esas mudanzas non son suficientes mentres siga presente a posibilidade de edificar no Carregal. O BNG contrapón un modelo baseado na defensa do patrimonio histórico, cultural e ambiental, no acceso á vivenda e na mellora da calidade de vida, fronte a un urbanismo que cualifica de desarrollista e especulativo.
O Plan Xeral de Betanzos xa superara en 2024 o trámite de avaliación ambiental e pasou a depender da súa aprobación provisional polo Pleno antes da remisión final á Xunta. Naquel momento, o documento incluía previsións de novos equipamentos, zonas verdes, melloras de abastecemento, saneamento e actuacións viarias, ademais da resolución das alegacións presentadas durante o proceso.