Betanzos aproba o trámite de avaliación ambiental do seu Plan Xeral que deberá ser aprobado no Pleno

ACoruñaXa
O plan estima que a demanda de vivenda en Betanzos para o ano 2040 acadaría as 1715 vivendas e outras 924 máis para o ano 2049
Imaxe da Praza do Concello en Betanzos
21 May 2024

A Xunta considera “ambientalmente viable” o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Betanzos a falta de corrixir uns pequenos aspectos técnicos antes da súa aprobación definitiva. Así o comunicou a Dirección xeral de Calidade Ambiental no seu informe de avaliación ambiental, paso previo para a aprobación provisional por parte do Pleno de Betanzos e darlle o visto e prace ás alegacións veciñais estimadas ao documento.

Neste sentido, o concelleiro de Urbanismo, Diego Fernández, explicou que co informe de avaliación ambiental o Concello completa as tramitacións de elaboración do primeiro Plan Xeral antes da súa aprobación, primeiro provisional, e logo definitiva por parte da Xunta, dun documento que “marca o futuro de Betanzos que contará cunha ferramenta de planificación territorial que por distintas razóns non foi capaz de aprobar durante anos e que obrigou a manter unhas normas subsidiarias que non permitiron crecer no so a nivel residencial senón tampouco a nivel de infraestruturas e equipamentos”. Pasado o trámite de avaliación ambiental, serán resoltas agora as 700 alegacións, un número moi inferior ao que adoita haber neste tipo de procesos en concellos similares a Betanzos o que “demostra que a proposta se elaborou con criterios obxectivos tendo en conta as achegas realizadas por distintos colectivos e grupos políticos, ademais das suxestións recollidas nas distintas xuntanzas veciñais que o goberno local realizou nestes últimos anos”. De feito, das 700 alegacións, 200 corresponden ao viario de Infesta que el goberno local xa retirou do plan.

Un plan que estima que a demanda de vivenda para o ano 2040 acadaría as 1715 vivendas e outras 924 máis para o ano 2049. Ademais, propón unha serie de intervencións coas que ampliar e complementar paseos fluviais e áreas de lecer na zona urbana de Betanzos e en zonas contiguas como a zona verde do Carregal, parque da Magdalena, xardín do Rollo, parque das Hortas da Cañota, ou o xardín fluvial do Frade, así como acometer actuacións noutras zonas do municipio como o parque deportivo e recreativo das Minas en Tiobre. A superficie total de novos espazos libres e zonas verdes ou ampliación dos existentes, ascende a 198 967 m2 .

O plan fai reservas de solo para ampliar dous centros educativos como o IES Francisco Aguiar e CEIP Vales Villamarín, e o cemiterio municipal dos Remedios, ademais, de reserva outras zonas con destino preferente a uso asistencial para a terceira idade. A superficie total proposta para novos equipamentos ou ampliación dos existentes é de 8597 m².

Para garantir a suficiencia do sistema de abastecemento, o PXOM propón renovar e ampliar a ETAP existente e renovar o bombeo, incrementar a capacidade de almacenamento cun novo depósito no Couto e a ampliación do depósito de Outeiro-Xanrozo, para reforzar o servizo ao polígono de Piadela Sur.

Canto ao saneamento e a depuración das augas residuais, o plan prevé implantar unha nova EDAR no polígono de Piadela Sur, que atenderá ao polígono e a Montellos, e outra EDAR en Piadela Norte; ampliar as EDARs de Xanrozo e Pontellas e suprimir a de Montellos, un novo bombeo e impulsión de Montellos sur a Tradema, executar novos colectores, así como renovar ou ampliar algúns existentes.

Canto ás infraestruturas viarias, a maior parte das actuacións propostas afectan a vías urbanas para a súa remodelación: a Avenida da Coruña, o acondicionamento das travesías na Veiga e Viúxe-Polígono, a prolongación da rúa Doutor Fariña ata o Pasatempo ou para dotar dun novo acceso ao porto.

Ademais, tamén prevé conformar beirarrúas peonís en Piadela e en treitos de estradas de dobre vía en Betanzos Vello-As Minas, As Angustias-As Abelares e Piadela-Polígono.

A documentación do PXOM contén un Catálogo de patrimonio cultural para a protección, conservación e recuperación dos elementos con destacados valores culturais, que inclúe bens patrimoniais de interese arqueolóxico, arquitectónico, industrial e etnolóxico, entre eles o Camiño de Santiago Inglés ao seu paso polo Concello de Betanzos, así como os bens de interese cultural (BIC) que contan con declaración individualizada. O catálogo de patrimonio natural que complementa o PXOM inclúe 14 espazos que, polo seu valor natural, paisaxístico hidrolóxico e/ou xeomorfolóxico

0.15546298027039