O BNG propón que o Concello merque unha parcela de 12.000 metros cadrados xunto ao Rego das Xesteiras

O BNG de Culleredo levará ao pleno municipal deste martes unha proposta para que o Concello adquira unha parcela de aproximadamente 12.000 metros cadrados situada xunto ao Rego das Xesteiras, na parroquia de Celas. Os terreos, que foron obxecto dunha recente corta de arborado, lindan co conxunto de muíños tradicionais que conforman un dos espazos naturais e patrimoniais máis singulares do municipio.
Segundo explica a formación nacionalista, a compra permitiría incorporar a parcela ao patrimonio municipal e acometer unha repoboación con especies autóctonas, co obxectivo de mellorar os valores ambientais da zona e reforzar a conservación da contorna do Rego das Xesteiras.
O portavoz do BNG, Tono Chouciño, considera que o Concello debe iniciar contactos coas persoas propietarias e encargar aos servizos técnicos municipais unha valoración dos terreos para estudar a súa adquisición.
A iniciativa chega despois da polémica xerada pola recente talla na parcela, que motivou a apertura dun expediente municipal e a remisión da documentación á Xunta para comprobar se os traballos se axustaban á autorización concedida. Neste contexto, o BNG considera que a adquisición pública dos terreos permitiría garantir a protección dun enclave de especial valor natural e etnográfico, ademais de favorecer a súa recuperación mediante a plantación de especies autóctonas.
A proposta será debatida na sesión plenaria deste martes, na que o grupo nacionalista solicitará ao Goberno local que dea os primeiros pasos para avaliar a viabilidade da compra e a futura recuperación ambiental dos terreos.