O ascensor panorámico do Monte de San Pedro non volverá funcionar e converterase nun miradoiro

ACoruñaXa
O Concello da Coruña descarta a súa reparación ao considerar que chegou ao final da súa vida útil e que a normativa actual impide poñelo de novo en servizo
A CORUÑA ascensor monte san pedro
31 Jul 2026

O ascensor panorámico do Monte de San Pedro non volverá entrar en funcionamento. O Concello da Coruña decidiu descartar definitivamente a reparación desta infraestrutura turística, pechada desde novembro de 2022, e transformala nun miradoiro cuberto desde o que contemplar a cidade e coñecer a historia deste enclave.

Segundo explicaron fontes municipais, o elevador chegou ao final da súa vida útil e a súa reparación ou substitución xa non resulta viable. O Goberno local sinala que a normativa de seguridade actualmente en vigor obrigaría a realizar importantes modificacións, entre elas a construción dunha vía de evacuación ao longo da ladeira, unha actuación que considera inviable tanto desde o punto de vista técnico como económico.

A intención do Concello é conservar a característica estrutura acristalada da coñecida como 'arielita' e darlle un novo uso como espazo de observación da cidade e do litoral coruñés, incorporando ademais contidos divulgativos sobre a historia da Coruña.

A decisión pon fin a case catro anos de incerteza arredor do futuro do elevador. A infraestrutura permaneceu pechada desde que sufrise unha grave avaría nun dos eixes do sistema de contrapesos, un problema ao que se sumaban numerosos fallos mecánicos rexistrados ao longo da súa historia. Nos últimos anos estudouse a posibilidade de adaptala á normativa actual e incluso se chegou a reservar unha partida económica para a súa reforma, pero finalmente o Concello optou por descartar esa opción.

Inaugurado en abril de 2007, o ascensor panorámico foi concibido como un dos grandes atractivos turísticos da cidade. Cun investimento inicial de 3,8 millóns de euros, permitía salvar un desnivel de máis de 60 metros entre o paseo marítimo e o Monte de San Pedro mediante unha esfera de cristal que se desprazaba sobre raíles ao longo da ladeira.

Porén, o seu funcionamento estivo marcado polas incidencias desde os primeiros días de servizo. As avarías repetíronse de maneira recorrente, provocando numerosas interrupcións e elevados custos de mantemento. A pesar diso, durante anos converteuse nun dos principais reclamos turísticos da Coruña, chegando a recibir arredor de 100.000 usuarios anuais.

0.097792863845825