O apoio municipal de Miño reforza as demandas das familias do Castro Baxoi

ACoruñaXa
O Concello respalda as reclamacións da ANPA e insta á Xunta a actuar ante as deficiencias do centro e a perda de 45 minutos lectivos semanais na ESO
CONCELLO MIÑO
3 Jun 2026

O Concello de Miño fixo público o seu apoio ás reclamacións da ANPA do CPI Castro Baxoi, que reclama á Xunta de Galicia solucións urxentes para corrixir as deficiencias estruturais do centro e garantir que o alumnado estude nas mesmas condicións que o resto da comunidade educativa galega.

O goberno local comparte a preocupación trasladada polas familias, que remitiron unha carta á Secretaría da Presidencia da Xunta para que sexa elevada ao presidente autonómico. No escrito, a ANPA volve advertir do estado das instalacións, con especial atención á cuberta e á fachada, así como doutras incidencias que afectan á seguridade e á calidade educativa.

Segundo sinala a asociación, aínda continúan pendentes actuacións estruturais consideradas fundamentais para garantir unhas condicións dignas e seguras. As familias alertan de que na actualidade hai zonas balizadas para impedir o paso do alumnado, unha situación especialmente preocupante ao coincidir cunha das saídas de emerxencia do centro.

O Concello entende que estas demandas deben ser atendidas canto antes e lembra que a seguridade dos nenos e nenas, así como o correcto funcionamento das instalacións educativas, deben ser unha prioridade para as administracións competentes.

A preocupación da ANPA non se limita ao estado do edificio. As familias tamén reclaman unha solución á organización horaria da Educación Secundaria Obrigatoria, xa que o alumnado da ESO estaría a perder 45 minutos lectivos á semana pola coordinación co transporte escolar. Para a comunidade educativa, esta situación sitúa o alumnado do Castro Baxoi nunha posición de desigualdade con respecto a outros centros públicos galegos.

Desde o Concello de Miño consideran que esta perda de tempo lectivo afecta directamente á igualdade de oportunidades e á calidade do ensino. Por iso, respaldan a petición da ANPA para que se adopten medidas que permitan ao alumnado recibir a formación nas mesmas condicións que o resto do estudantado.

A asociación de nais e pais insiste en que leva anos trasladando estas necesidades por diferentes vías institucionais, sempre desde o diálogo e a colaboración, pero tamén coa firmeza necesaria para defender os dereitos da comunidade educativa.

O apoio municipal supón agora un novo impulso ás reclamacións das familias, que agardan ser escoitadas pola Xunta e poder manter un encontro no que expoñer directamente as necesidades do CPI Castro Baxoi. O obxectivo, sinalan, é avanzar cara a solucións reais que garantan unha educación pública de calidade, segura e en igualdade de condicións.

0.11837601661682