O 25N pon o foco na violencia dixital contra as mulleres e lembra as vítimas en Betanzos

Betanzos conmemorou este mércores o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto de lembranza ás vítimas e de sensibilización sobre as distintas formas de violencia machista, con especial atención á que se exerce a través de internet e das redes sociais. A convocatoria, organizada polo Concello a través dos Servizos Sociais, reuniu varias decenas de persoas, moitas delas cos chuvasqueiros da campaña municipal 'Do Mendo ao Mandeo cero violencias'.
A alcaldesa, María Barral, abriu o encontro lembrando que a violencia contra as mulleres adopta múltiples formas, desde a física, psicolóxica, económica e sexual ata a dixital, social e familiar. Nesta edición, o Concello quixo centrar a atención nas agresións que se producen no ámbito dixital, que a rexedora cualificou de 'feroces e brutais' en moitos casos.
Barral destacou que o traballo de prevención e sensibilización non se limita ás datas sinaladas do 25 de novembro ou do 8 de marzo, senón que se desenvolve durante todo o ano. Tamén defendeu a implicación colectiva para combater esta realidade e afirmou que nesta loita 'cabemos e somos necesarios todos e todas, sen excepción, agás os maltratadores e quen nega esa violencia'.
Un dos momentos máis emotivos chegou coa lembranza ás mulleres asasinadas. A alcaldesa sinalou que esta é a expresión máis cruel da violencia machista e lembrou que o pasado ano foron asasinadas 47 mulleres en España. Para poñer rostro a esa cifra, leu os seus nomes e recordou o impacto que cada asasinato deixa nas familias e na contorna das vítimas. As súas palabras deron paso a un aplauso colectivo.
A intervención central estivo protagonizada por Gonzalo Bermúdez, propietario da tenda Bicoca, un comercio especialmente vinculado ao público novo e cunha presenza activa nas redes sociais. A súa participación permitiu abordar a responsabilidade e a influencia que poden ter estes espazos dixitais na prevención da violencia contra as mulleres.
Bermúdez agradeceu a invitación municipal e explicou que se emocionara ao recibir a proposta. Tamén valorou que se lle dese voz a un representante do comercio local nunha convocatoria destas características. Durante a súa intervención, aclarou que participaba non tanto polo seu labor como comerciante ou polo seu activismo social, senón polo traballo que desenvolve nas redes sociais, onde utiliza habitualmente o humor e a retranca. Ao longo do acto repetiu a mensaxe 'nin un paso atrás', como chamamento a manter o compromiso institucional e social fronte á violencia machista.
A alcaldesa insistiu, pola súa banda, na necesidade de reforzar os recursos públicos para facer fronte a todas as manifestacións de violencia contra as mulleres, sen esquecer o papel que lle corresponde ao conxunto da sociedade.
A convocatoria concluíu cun minuto de silencio en memoria das vítimas.