Novo Mesoiro estrea a primeira Oficina de Atención Cidadá da nova rede municipal

ACoruñaXa
O novo servizo permitirá realizar trámites municipais sen desprazarse ao centro e será o primeiro dunha rede que se estenderá aos dez distritos da Coruña
A CORUÑA oficina atención tempera
28 Jul 2026

A veciñanza de Novo Mesoiro xa pode realizar trámites municipais sen necesidade de desprazarse ata María Pita, o Ágora ou o Fórum Metropolitano. O Concello da Coruña puxo en marcha este martes a primeira Oficina de Atención Cidadá da nova rede municipal, un proxecto co que pretende achegar a administración aos barrios e facilitar o acceso aos servizos públicos.

A alcaldesa, Inés Rey, participou na apertura das novas instalacións, situadas no centro cívico de Novo Mesoiro, e destacou que esta actuación responde a un dos compromisos do Goberno local para descentralizar a atención á cidadanía. A oficina ofrecerá os mesmos servizos que os rexistros municipais xa existentes, permitindo presentar documentación, realizar trámites administrativos ou solicitar información municipal.

O novo punto de atención dará servizo ao Distrito 9, que inclúe os barrios de Novo Mesoiro, Mesoiro, Feáns, Urbanización Breogán, Obradoiro e parte da Zapateira. Segundo explicou a rexedora, a elección desta zona responde ao importante crecemento experimentado nos últimos anos e á necesidade de ofrecer unha atención máis próxima á veciñanza.

A alcaldesa tamén puxo o foco nas persoas maiores, sinalando que esta iniciativa busca facilitarlles a relación coa administración nun contexto de crecente dixitalización dos servizos públicos. A atención presencial permitirá acompañar á cidadanía na realización de xestións e reducir as dificultades que poden atopar determinados colectivos.

A oficina funcionará co mesmo horario que o resto dos rexistros municipais. Abrirá de luns a venres de 8.00 a 14.00 horas entre o 16 de setembro e o 14 de xuño, de 8.00 a 13.30 horas durante o período estival e, na Semana Grande das Festas de María Pita, de 8.00 a 12.30 horas.

A primeira fase da rede de Oficinas de Atención Cidadá conta cun investimento municipal de 873.000 euros. No caso da oficina de Novo Mesoiro, a actuación supuxo un investimento superior aos 87.000 euros entre a adaptación do espazo e a dotación de persoal.

O Concello xa ten previsto continuar coa expansión deste modelo de atención de proximidade. A seguinte oficina abrirá no barrio dos Mallos durante o último trimestre deste ano e dará cobertura ao Distrito 4, dentro do plan municipal para implantar este servizo nos dez distritos censais da cidade.

0.12152695655823