Máis vivenda protexida, zonas verdes e mellor mobilidade no novo Plan Xeral de Betanzos

ACoruñaXa
O documento que irá a Pleno propón o modelo urbanístico de Betanzos para as próximas décadas, con 300 vivendas de protección, a recuperación de arredor de 450 vivendas baleiras e novos espazos públicos
Edificio Liceo onde se sitúan os servizos administrativos do Concello de Betanzos
15 May 2026

O goberno local de Betanzos levará ao Pleno do vindeiro luns a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o documento que marcará como debe medrar a cidade nas próximas décadas. Trátase dunha das decisións urbanísticas máis relevantes dos últimos anos, xa que o municipio segue rexéndose polas Normas Subsidiarias de 1996, aprobadas hai tres décadas.

Desde entón, Betanzos cambiou de maneira profunda. Mudou a súa poboación, a actividade económica, a realidade ambiental, a normativa urbanística e tamén as necesidades da veciñanza. O novo plan busca adaptar a cidade a ese escenario cun modelo máis ordenado, sostible e centrado na calidade de vida.

A alcaldesa, María Barral, defendeu que o PXOM é 'un bo plan' para definir o Betanzos dos próximos vinte ou trinta anos. Segundo explicou, o documento protexe o Casco Histórico, declarado Ben de Interese Cultural, aposta pola rehabilitación, reserva solo para vivenda accesible, aumenta as zonas verdes, reforza os servizos públicos, impulsa a actividade económica e preserva o patrimonio natural e histórico.

Un dos eixos principais do plan é a vivenda. O PXOM prevé arredor de 2.065 novas vivendas no solo urbano e urbanizable, ás que se sumaría unha capacidade aproximada doutras 1.000 nos núcleos rurais. En total, o documento calcula unha capacidade próxima ás 3.065 vivendas, nun municipio que actualmente conta cunhas 5.500. A proposta non se centra só en construír. Tamén pretende mobilizar vivenda xa existente e baleira. O Concello calcula que poderían facilitarse as condicións para ocupar arredor de 450 vivendas deshabitadas, ao tempo que se impulsa a rehabilitación do Casco Histórico como vía para recuperar edificios e fixar poboación no centro.

O acceso á vivenda protexida é outro dos puntos destacados. O plan reserva o 30% da edificabilidade residencial das novas promocións para vivenda protexida. Isto permitiría habilitar algo máis de 300 vivendas deste tipo, tanto en novos desenvolvementos como en parcelas municipais situadas en ámbitos como O Carregal ou A Feira Nova. O PXOM aposta por unha cidade compacta. É dicir, por completar e mellorar a trama urbana xa existente antes que favorecer un crecemento disperso. Nesa liña, prevé actuacións en solo urbano non consolidado en ámbitos como Carregal, O Rollo, O Frade e Infesta, ademais dun sector urbanizable cunha previsión de 125 vivendas.

O documento tamén incrementa de forma notable os espazos verdes. En total, Betanzos pasaría a contar con máis de 270.000 metros cadrados de zonas verdes, entre as xa existentes e as novas previstas. Isto supón acadar 16,3 metros cadrados por habitante, dez máis que na actualidade. Entre as actuacións ambientais previstas figuran a continuidade e ampliación dos paseos fluviais dos ríos Mendo e Mandeo, novos parques asociados a estes espazos, unha zona deportiva nas Minas de Tiobre, unha área verde na ladeira oeste da cidade, na Madalena, e un novo parque no ámbito da Rúa do Rollo. Tamén se prevé ampliar o Paseo do Malecón con máis zonas verdes e elementos vexetais que melloren a paisaxe e axuden a reducir o risco de inundación.

A protección ambiental ten un peso importante no plan. O 77% do termo municipal queda clasificado como solo rústico protexido, especialmente pola existencia de zonas afectadas por risco de inundación. O documento tamén preserva corredores ecolóxicos vinculados á Rede Natura 2000, á ría de Betanzos, ao encoro de Cecebre e á Reserva da Biosfera.

A mobilidade é outro dos cambios que a veciñanza poderá notar. O PXOM proxecta unha nova conexión entre as dúas marxes do río Mendo, mediante a prolongación desde a Rúa do Frade ata a rúa Francisco Aguiar cunha nova ponte. Ademais, incorpora itinerarios peonís e ciclistas aproveitando os paseos fluviais xa existentes e creando novas conexións, como as pasarelas do Coto e da zona de Eroski.

O plan reforza tamén os equipamentos públicos. Prevé novos espazos administrativos, sociais, culturais e asistenciais, cunha reserva de 24.745 metros cadrados de sistema xeral. Entre as actuacións previstas figuran o antigo edificio de sindicatos, parcelas municipais de Bella Vista y terreos na zona do Frade destinados preferentemente a equipamentos para persoas maiores.

En materia de servizos básicos, o documento inclúe medidas para garantir o abastecemento futuro de auga. Prevese ampliar a captación para a estación de tratamento de auga potable, pasando de 75,8 a 121 litros por segundo, e crear un novo depósito de 2.000 metros cúbicos.

O novo planeamento busca reforzar tamén o papel económico de Betanzos como capital comarcal. Para iso consolida o polígono de Piadela e aborda a conexión entre as dúas zonas industriais, unha demanda pendente desde hai años. Ademais, delimita novos sectores de actividade no Carregal, con máis de 55.000 metros cadrados destinados a usos terciarios e comerciais capaces de xerar emprego.

A tramitación do PXOM foi longa e complexa. O contrato para a súa redacción asinouse en marzo de 2018, a aprobación inicial chegou en setembro de 2021 e durante o proceso solicitáronse 21 informes sectoriais, todos eles favorables. Tamén se presentaron 707 alegacións cidadás, das que o 51% foron aceptadas total ou parcialmente.

O documento que agora chega ao Pleno incorpora esas achegas, os informes sectoriais e os axustes derivados da avaliación ambiental. O Concello defende que o resultado é unha ferramenta pensada para ordenar o crecemento, protexer o patrimonio e preparar Betanzos para os retos urbanos, sociais e ambientais das próximas décadas.

0.1171760559082