De adestrar nun pavillón a competir pola elite nacional: esta é a historia de Sada Patín

ACoruñaXa
O club sadense, nacido en 2002, suma máis de 30 medallas nos Campionatos de España e mantén dous equipos na Liga Nacional mentres mira cara a Europa
SADA patin portada
27 Sep 2026

O Club Sada Patín leva máis de dúas décadas facendo da patinaxe de velocidade unha parte da vida deportiva de Sada. Naceu o 17 de decembro de 2002 por iniciativa dun grupo de pais e nais cuxos fillos e fillas se sentían atraídos por esta modalidade deportiva. Desde entón, o club mantivo unha filosofía que vai máis alá dos resultados: fomentar a práctica deportiva desde unha perspectiva lúdica e educativa, baseada no respecto, a camaradería e o compañeirismo, sen renunciar á competición.

Os primeiros anos non foron sinxelos. A patinaxe de velocidade era daquela un deporte descoñecido para boa parte dos veciños de Sada e tampouco existían infraestruturas específicas para a súa práctica. Os adestramentos realizábanse no interior dun pavillón, nun espazo cunha corda por volta de apenas 80 metros. A diferenza coas pistas nas que se disputan competicións, de 200 metros de corda, ou cos circuítos, que non poden ser inferiores aos 300 metros, era considerable.

Os patinadores de Sada partían, así, cunha importante desvantaxe fronte aos deportistas doutras cidades que xa contaban con instalacións específicas. Ademais, como sucedía en moitos lugares, o fútbol concentraba boa parte da atención dos nenos e nenas.

A creación do Sada Patín contribuíu, con todo, a abrir unha nova vía. A aparición dun equipo dedicado a unha disciplina tan particular como a patinaxe de velocidade fixo que moitos mozos e mozas se achegasen a este deporte. En pouco tempo, o club chegou a contar con máis de 50 fichas de distintas categorías, mentres que, practicamente en paralelo, se puxo en marcha a escola municipal de patinaxe, pola que pasaron tamén moitos rapaces interesados en aprender a patinar.

Daquela etapa inicial permanecen na directiva dúas das persoas que foron fundamentais para manter vivo o proxecto: Salvador Cid, presidente, e Enrique Latorre, vicepresidente. Para o club, a continuidade foi precisamente unha das claves do seu percorrido. Desde 2002 pasaron polo Sada Patín diferentes xeracións de patinadores, adestradores, directivas e socios, pero o proxecto conseguiu manterse.

Esa continuidade, explican desde o club, é probablemente un dos seus activos menos visibles. O obxectivo fundamental segue sendo o mesmo: conseguir que os patinadores e patinadoras alcancen as súas metas.

Da pista de Sada aos Campionatos de España

Desde o primeiro momento, o Sada Patín tivo claro que quería que os seus deportistas puidesen chegar á competición nacional. O camiño comezou nos campionatos autonómicos, tanto de pista como de circuíto, e nos trofeos celebrados noutras comunidades. Co crecemento do nivel deportivo, os patinadores/as foron conseguindo as prazas necesarias nos campionatos autonómicos para dar o salto aos Campionatos de España.

O resultado desa traxectoria son máis de 30 medallas conquistadas nos Campionatos de España, entre ouros, pratas e bronces. Ademais, varios dos seus patinadores formaron parte da Selección Española en diferentes categorías, chegando a representar tanto a España como ao propio club en Campionatos de Europa.

Un dos grandes puntos de inflexión na historia do Sada Patín foi a construción da pista de patinaxe de Sada. A instalación permitiu ao club situarse no panorama nacional e acoller na localidade competicións de primeiro nivel, entre elas Campionatos de España e xornadas da Liga Nacional de Clubes.

Pero a pista significou moito máis que a posibilidade de organizar grandes eventos. Supuxo tamén un salto de calidade para os propios deportistas, que podían adestrar nunha superficie similar á que atoparían nas competicións.

Un club que tamén se constrúe fóra da pista

Detrás do crecemento dun club deportivo hai unha parte que non sempre se ve. No caso do Sada Patín, o traballo non se limita aos adestramentos e ás competicións. O club desenvolveu unha auténtica cultura propia arredor da actividade deportiva, con campus, escola municipal, desprazamentos, convivencia e participación en probas fóra de Galicia. Todo iso contribúe a xerar un sentimento de pertenza e a manter vinculadas ás familias ao proxecto.

Cada tempada implica, ademais, meses de preparación. No Sada Patín a tempada coincide co ano natural, polo que comeza o 1 de xaneiro e remata o 31 de decembro. A planificación da seguinte xa comeza a finais de outubro. Cando a Federación Española de Patinaxe facilita o calendario de probas, comeza o traballo do adestrador para deseñar os adestramentos e conseguir que os patinadores cheguen nas mellores condicións posibles a cada carreira.

Ao mesmo tempo, a directiva debe ocuparse dos orzamentos, da procura de subvencións e patrocinadores, dos seguros, das modificacións nas equipacións e de calquera incidencia que poida xurdir durante a tempada.

A canteira, a porta de entrada ao club

A formación das novas xeracións é outro dos piares do Sada Patín. O club ofrece dúas vías de incorporación en función da experiencia previa de cada neno ou nena.

Cando unha familia se pon en contacto co club porque quere que o seu fillo ou filla comece a patinar e non tivo ningún contacto previo con este deporte, a recomendación é que durante polo menos o primeiro e o segundo ano pase pola escola municipal de patinaxe.

O obxectivo desta escola non está orientado á competición. Trátase de que os nenos e nenas aprendan a patinar, gañen autonomía sobre os patíns e poidan gozar deles tamén fóra do ámbito deportivo, durante paseos ou rutas coa familia. Aínda que poden participar nalgunha xornada escolar ao final do curso, a prioridade é a aprendizaxe.

Unha vez superada esa fase inicial, aqueles que senten interese pola competición incorpóranse ás filas do club, onde os adestramentos pasan a centrarse na técnica específica da patinaxe de velocidade e na preparación competitiva.

Os nenos e nenas que xa teñen experiencia sobre os patíns, ben porque proceden doutra escola ou doutro club de patinaxe de velocidade, poden incorporarse directamente á disciplina do Sada Patín.

E, segundo explican desde o club, tampouco adoita ser complicado que alguén que comeza simplemente por afección acabe querendo competir. As conversacións cos compañeiros sobre as competicións, as viaxes a trofeos e campionatos e a propia experiencia dos demais fan que moitos queiran probar. En moitos casos, esa primeira experiencia competitiva acaba sendo precisamente o elemento que os engancha ao deporte, independentemente dos resultados obtidos.

Formar deportistas, pero tamén persoas

No Sada Patín consideran que o papel do club vai máis alá de formar deportistas. O esforzo, o compañeirismo, a disciplina e a amizade son valores que se intentan transmitir para que poidan acompañar os nenos e nenas tamén noutras facetas da súa vida. Nese proceso, os adestradores e as familias desempeñan un papel fundamental. Son, segundo o club, os dous piares básicos sobre os que se asenta o proxecto.

O adestrador convértese nunha figura de referencia para os patinadores: adestra con eles cada día, corrixe, anima durante toda a tempada e dirixe os deportistas nas competicións.

As familias, pola súa banda, realizan tamén un importante esforzo. O calendario deportivo obriga a organizar a vida familiar arredor das competicións, con desprazamentos e sacrificios persoais para poder acompañar os fillos e fillas.

Para o club, ver medrar un deportista desde as categorías inferiores ata a categoría sénior é unha das maiores satisfaccións. Poñen como exemplo o percorrido dun neno ou nena que chega ao club como prebenxamín, con catro anos, e que aos 18 alcanza a categoría sénior mantendo o gusto polo deporte.

Se ademais nese camiño aparecen éxitos deportivos, o orgullo é aínda maior, porque as medallas representan tamén o recoñecemento ao esforzo e ao sacrificio realizados ao longo dos anos.

Tres anos sen pista e a recuperación dun proxecto

O presente do Sada Patín é, segundo recoñecen desde a entidade, 'un pouco agridoce'. A pandemia provocou unha redución no número de fichas e desde entón o club traballa para recuperar as cifras anteriores.

Pero a situación complicouse aínda máis por un problema coa propia instalación deportiva. No ano 2020, unha reparación da pista de patinaxe que non se executou correctamente deixou ao Sada Patín durante tres anos sen poder utilizar ese espazo para adestrar.

A consecuencia foi importante. Algúns patinadores decidiron marchar a outros clubs que contaban con mellores instalacións e outros chegaron incluso a abandonar definitivamente a patinaxe. A situación chegou a converterse nun problema para a propia supervivencia do club.

A recuperación da pista en 2024, cunha mellora do firme mediante a aplicación de capas de pintura específicas para a práctica da patinaxe, permitiu retomar os adestramentos de calidade ao aire libre en Sada e recuperar tamén parte da visibilidade do club.

A pesar de todas estas dificultades, o Sada Patín mantén actualmente un equipo feminino na máxima categoría da Liga Nacional de Clubes, a Primeira División, e un equipo masculino en Segunda División.

Sada, escenario da competición nacional

A pista de Sada volveu ter este ano un papel protagonista coa celebración, no mes de xuño, do Campionato de España Infantil e da Copa de España Alevín de Pista. 

O propio Sada Patín encargouse da organización do evento, co apoio do Concello de Sada. Para o club supuxo unha carga de traballo adicional respecto doutras tempadas, pero tamén unha maneira de colaborar coa localidade e devolver, na medida do posible, parte do apoio que recibe da administración municipal.

O impacto non se limitou ao ámbito deportivo. Segundo explica o club, durante esa fin de semana os hoteis e os establecementos hostaleiros de Sada e dos municipios limítrofes colgaron o cartel de completo.

A celebración do campionato xerou, así, un retorno económico para Sada e permitiu dar a coñecer o municipio a centos de persoas que probablemente non terían acudido á localidade se non fose por un evento destas características.

Un 2026 con medallas nacionais e europeas

Os últimos resultados deportivos tamén deixaron varios motivos para o orgullo no Sada Patín.

O pasado 5 e 6 de setembro, no Campionato de España celebrado en Málaga, a patinadora júnior do club Silvia García Arribe proclamouse campioa de España na distancia dos 100 metros contrarreloxo, na modalidade de circuíto. No mesmo campionato, o máster 40 masculino Jordán Coca conseguiu dúas medallas de prata e unha de bronce, mentres que a máster 40 feminina Angela Reyero conquistou tres medallas de prata.

Ese mesmo fin de semana, en Thun (Suíza), o máster 50 Mario de Diego proclamouse campión de Europa de maratón na súa categoría.

Son éxitos moi recentes e, polo momento, o club aínda non pode determinar se están provocando un aumento do interese polo patinaxe entre os veciños de Sada.

Manter os equipos nacionais, o reto inmediato

O principal reto deportivo do Sada Patín pasa agora por manter os seus equipos na Liga Nacional.

Desde o club consideran que o equipo masculino non debería ter problemas para manter a categoría, mentres que o feminino se está xogando a permanencia en Primeira División. A situación quedará definida nas dúas últimas xornadas, previstas para o vindeiro mes de outubro.

Pero o futuro do club pasa tamén polas infraestruturas. Desde Sada Patín sinalan que o municipio ten unha importante carencia de instalacións deportivas tendo en conta a cantidade de equipos de alto nivel de diferentes disciplinas que comparten os espazos existentes.

Para o club, unha posible solución sería cubrir a pista de patinaxe. Isto permitiría adestrar durante todo o ano independentemente da climatoloxía e, ao mesmo tempo, liberar os espazos do pavillón para outros equipos.

Na actualidade, cando a choiva deixa a pista exterior inutilizable, o Sada Patín vese obrigado a utilizar o pavillón para poder manter os adestramentos.

Mirando cara a Europa

Entre os obxectivos de futuro está seguir formando patinadores que, polos seus méritos deportivos, poidan chegar a representar ao club na Selección Española.

Tamén existe a intención de poder levar aos deportistas ás sete xornadas que compoñen a Speed Track European Series, a Copa de Europa, repartidas en sete cidades europeas.

Para alcanzar ese obxectivo será necesario continuar traballando na procura de máis patrocinios que permitan afrontar os custos que implica competir a nivel internacional.

E, se miran dez anos cara adiante, no Sada Patín imaxinan un club que siga competindo ao máximo nivel, levando o nome de Sada por toda España e tamén por Europa.

Un proxecto que queren que medre acompañado dunhas instalacións á altura das súas aspiracións: unha pista cuberta que permita adestrar, competir e continuar avanzando sen que as condicións meteorolóxicas sexan un límite.

Porque, máis de vinte anos despois daqueles primeiros adestramentos nun pavillón cunha volta de 80 metros, o Sada Patín continúa tendo claro o que quere ser: unha canteira de deportistas, un espazo de convivencia e un club capaz de levar o nome de Sada sobre rodas moito máis alá das súas fronteiras.

0.16147899627686