Sada acolle esta fin de semana o Campionato de España Infantil de Patinaxe con cambios no tráfico na contorna deportiva

ACoruñaXa
A competición reunirá os días 27 e 28 de xuño ás mellores promesas da patinaxe de velocidade e obrigará a establecer restricións de circulación e estacionamento desde o día 26
SADA campeonato españa patinaxe
26 Jun 2026

Sada volverá converterse esta fin de semana nun referente da patinaxe de velocidade coa celebración do Campionato de España Infantil e da Copa de España Alevín. As probas disputaranse os días 27 e 28 de xuño na pista municipal e reunirán a deportistas chegados de diferentes puntos de España.

A competición está organizada baixo o amparo da Real Federación Española de Patinaxe e do club Sada Patín, coa colaboración do Concello de Sada, e permitirá que algunhas das mellores promesas desta disciplina compitan no municipio durante toda a fin de semana.

Con motivo do evento, o Concello informou de que se producirán importantes afeccións ao tráfico na contorna da zona deportiva. Entre os días 26, 27 e 28 de xuño estará prohibido estacionar nas áreas sinalizadas e permanecerá pechado ao tráfico o acceso á pista municipal e ao pavillón pola zona marcada no plano difundido polo Concello.

Como alternativa, o vial situado xunto ao complexo deportivo funcionará temporalmente en dobre sentido de circulación para facilitar o acceso á zona. Ademais, habilitarase un espazo de estacionamento detrás deste vial para dar servizo ás persoas usuarias durante a celebración do campionato.

Desde o Concello pediron comprensión á veciñanza polas molestias que poidan ocasionar estas medidas e agradeceron a colaboración cidadá para garantir o correcto desenvolvemento dunha cita deportiva que situará novamente a Sada no panorama estatal da patinaxe de velocidade.

0.12127089500427