Curtis pecha 2025 con superávit, máis liquidez e pago a provedores en menos de 12 días

ACoruñaXa
A liquidación do orzamento confirma unha capacidade de financiamento de 875.079 euros e un remanente de tesourería superior aos 2 millóns, segundo destaca o goberno local
concello de curtis
18 Apr 2026

O Concello de Curtis pechou o exercicio de 2025 cunhas contas saneadas e cun balance económico que, segundo o goberno local, avala a solvencia da administración municipal para afrontar novos investimentos. A liquidación do orzamento, da que se dará conta á corporación, recolle un resultado positivo nas principais magnitudes financeiras e o cumprimento das regras fiscais en vigor.

Os datos do peche apuntan a un resultado orzamentario positivo de 899.438,48 euros, ao tempo que o Concello presenta unha capacidade de financiamento de 875.079,23 euros. A isto súmase un aforro neto de 1.219.771,33 euros e o cumprimento da regra de gasto cunha marxe de 1,5 millóns de euros, cifras que o executivo interpreta como unha mostra de estabilidade e sustentabilidade económica.

Un dos indicadores que máis destaca o goberno local é o remanente de tesourería para gastos xerais, que a 31 de decembro de 2025 se situaba en 2.039.603,66 euros. O Concello vincula esta liquidez á xestión de proxectos subvencionados nos que a administración asumiu inicialmente o gasto á espera de recibir os ingresos en anualidades posteriores.

A liquidación tamén reflicte un período medio de pago a provedores de 11,60 días, moi por debaixo do máximo legal de 30 días. O executivo municipal subliña que este dato permite garantir maior axilidade no cobro ás empresas e profesionais que traballan para a administración local.

No apartado da execución orzamentaria, o Concello sitúa no 96,13 por cento o grao de execución dos ingresos e no 86,38 por cento o dos gastos. Para o goberno local, estas cifras evidencian unha xestión eficiente dos recursos públicos e a capacidade de converter o orzamento en servizos e actuacións para a veciñanza.

O executivo incide ademais en que estes resultados se compatibilizan cunha política fiscal axustada, mantendo o criterio de que os tributos municipais non superen os custos de prestación dos servizos públicos básicos.

0.11569404602051