Curtis impulsa o envellecemento activo cun taller de risoterapia e dinámicas de grupo para persoas maiores

O Concello de Curtis continúa desenvolvendo iniciativas orientadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través do programa 'Ao teu Carón', que esta semana celebrou un taller de Dinámicas de Grupo e Risoterapia nas localidades de Curtis e Teixeiro.
A actividade reuniu a 50 persoas, que participaron en distintas propostas deseñadas para favorecer o envellecemento activo, potenciar as relacións sociais e promover o benestar físico e emocional.
As sesións combinaron dinámicas participativas, xogos cooperativos e exercicios prácticos cos que se traballaron habilidades como a motricidade fina, a atención, a concentración e a estimulación da memoria. O obxectivo foi ofrecer un espazo de encontro que contribuíse a combater o illamento e reforzar as capacidades cognitivas e emocionais das persoas participantes nun ambiente lúdico e de apoio mutuo.
O taller forma parte do programa municipal 'Ao teu Carón', unha iniciativa de acompañamento e atención ás persoas maiores que ao longo deste ano deu servizo a 88 veciños e veciñas mediante distintas actuacións, entre elas visitas domiciliarias, atención telefónica e actividades grupais.
Desde o Concello destacan que este tipo de accións buscan fomentar un envellecemento activo e saudable, favorecendo a participación social das persoas maiores e creando espazos que contribúan ao seu benestar e á prevención da soidade non desexada.