Curtis eleva a presión para salvar Losán cando o preconcurso entra na recta final

ACoruñaXa
A Corporación reclama á SEPI e á Consellería de Industria unha mesa de negociación urxente para buscar unha saída ao grupo e respaldar aos máis de 200 traballadores afectados
CURTIS pleno abril 2026
18 Apr 2026

O Concello de Curtis deu un novo paso na defensa da continuidade do Grupo Losán e dos postos de traballo vinculados ás súas plantas, cun chamamento urxente á SEPI e á Consellería de Industria para que convoquen unha mesa de negociación coas administracións, a empresa e a representación social. A Corporación municipal ratificou así o seu apoio unánime aos máis de 200 traballadores afectados polo impago de nóminas e pola paralización da actividade.

O acordo plenario chega nun momento límite para o futuro da compañía, xa que o prazo do preconcurso de acredores encara a súa fase decisiva e, segundo advirte o goberno local, restan só 11 días para artellar unha solución. O Executivo municipal considera imprescindible activar de inmediato un espazo de diálogo no que estean presentes a empresa, o comité, a SEPI, a Xunta e os concellos de Curtis e Vilasantar.

Desde o Concello subliñan que a situación é de 'extrema urxencia', tanto polo impacto laboral como polo peso industrial do grupo na comarca e na provincia. O texto aprobado tamén pon en valor as xestións realizadas nos últimos meses ante distintas administracións e insiste en que o persoal o único que reclama é cobrar as cantidades pendentes e recuperar a actividade.

A iniciativa saíu adiante tras a moción presentada polo BNG e a emenda transaccional do Grupo Popular, o que permitiu escenificar unha posición de unidade institucional fronte á falta de avances. O Concello defende ademais que a SEPI debe asumir un papel activo como instrumento público en empresas estratéxicas, validando un plan de viabilidade e garantindo o cumprimento dos apoios comprometidos.

Xunto á vía institucional, Curtis tamén anunciou o seu respaldo á concentración convocada polo comité de empresa para o vindeiro 23 de abril. O goberno local lembra que esta reclamación xa suma o apoio de oito concellos da comarca e da Deputación da Coruña, ademais de iniciativas aprobadas no Congreso e no Senado, nun intento de frear o desmantelamento dun grupo considerado clave para o tecido económico do interior galego.

0.13183784484863