A presión medra sobre Losán pola falta dunha mesa de negociación

ACoruñaXa
O persoal mobilizouse diante de San Caetano para esixir á Xunta unha xuntanza urxente que permita abordar un plan de viabilidade e blindar os preto de 200 empregos ligados ás plantas e oficinas da compañía
CURTIS losan santiago
16 Apr 2026

O conflito laboral en Industrias Losán deu este mércores un novo paso coa mobilización do cadro de persoal diante do complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela. Traballadores e traballadoras reclamaron á Consellaría de Industria a convocatoria inmediata dunha reunión que sirva para abrir unha mesa de negociación sobre o futuro da actividade produtiva e dos postos de traballo, nun momento marcado pola falta dun plan de viabilidade e pola ameaza da entrada da empresa en concurso de acredores.

A representación social defende que esa mesa debe reunir a todas as partes implicadas no proceso. Sobre a mesa, sinalan, teñen que sentarse a SEPI, a Consellaría de Industria, os alcaldes de Vilasantar e Curtis, a dirección da empresa e os comités de Industrias Losán e Aserpal, co obxectivo de buscar unha saída coordinada a unha crise que afecta de cheo a comarcas do interior coruñés.

O comité lembra que xa o pasado 4 de marzo se celebrou unha xuntanza na Consellaría de Emprego, coa participación do secretario xeral de Industria, da directora do IGAPE e do secretario xeral de Relacións Laborais. Daquel encontro saíu a petición dunha nova reunión para coñecer con máis detalle a situación real da compañía, despois de que, segundo denuncian, a información facilitada pola empresa fose escasa. A intención do persoal era avanzar nun plan de viabilidade compartido coas administracións con competencias no proceso.

A preocupación é máxima porque están en xogo arredor de 200 empregos en Galicia. O impacto, segundo advirten, esténdese a concellos como Vilasantar, Curtis, Mesía, Oza Cesuras, Boimorto, Irixoa e Melide, ademais da Coruña, onde se atopan as oficinas centrais. A esta incerteza súmase a situación económica do propio persoal, que acumula xa cinco nóminas sen cobrar, nun escenario que o comité cualifica de crítico e insostíbel.

A falta de avances desde mediados de marzo levou aos traballadores e traballadoras a elevar a presión. Segundo explican, reiteraron por escrito a solicitude de reunión a todas as partes implicadas, pero a única resposta recibida chegou desde a Secretaría Xeral de Relacións Laborais, que trasladou a súa disposición a participar e apuntou que a xestión dependía da Consellaría de Economía e Industria. Desde entón, denuncian, non houbo ningún movemento efectivo.

Mesmo a propia empresa, segundo sostén o comité, acabou por sumarse á petición dunha mesa de negociación ampla ante a gravidade do momento. Coa protesta deste mércores, o persoal busca facer visible a urxencia dunha solución que permita manter a actividade industrial e garantir o emprego nun sector que consideran estratéxico para o territorio.

0.11561799049377