Curtis distingue o compromiso coa igualdade de Ana Rodríguez Piorno e José Ángel Vázquez Yáñez

ACoruñaXa
O novo galardón municipal 'Sementes de Igualdade' recoñece en 2026 o labor da xuíza de Betanzos e do director do Centro Penitenciario de Teixeiro pola súa implicación na defensa das mulleres e na loita contra a violencia de xénero
CONCELLO CURTIS
21 Apr 2026

O Concello de Curtis fixo públicas as distincións dos premios 'Sementes de Igualdade' 2026, un recoñecemento que nace este ano con identidade propia dentro das honras municipais para poñer o foco, de maneira exclusiva, en iniciativas e traxectorias vinculadas á igualdade de oportunidades e á erradicación da violencia de xénero.

A decisión foi adoptada por unanimidade pola Comisión Técnica de Valoración, presidida pola concelleira de Igualdade e integrada por persoal técnico das áreas de Benestar, Igualdade e Deportes. O órgano destacou o valor social e humano das candidaturas escollidas, así como o seu impacto na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Nesta primeira edición oficial do distintivo, o Concello recoñece a José Ángel Vázquez Yáñez, director do Centro Penitenciario de Teixeiro, pola súa implicación en políticas de igualdade. O xurado puxo en valor, especialmente, o impulso do programa 'Ser Muller', unha iniciativa desenvolvida de maneira continuada no centro coa colaboración do Concello de Curtis e orientada ao empoderamento e á transformación social.

O segundo premio recae en Ana Rodríguez Piorno, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia de Betanzos con competencia en violencia sobre a muller. A comisión subliña a súa traxectoria profesional e, en particular, unha práctica xudicial marcada pola sensibilidade cara ás vítimas, reducindo na medida do posible o impacto emocional e as consecuencias traumáticas que sofren as mulleres e tamén os seus fillos e fillas durante o proceso.

A proposta foi dada a coñecer na última Comisión de Coordinación do Goberno local e consolida a aposta do municipio por visibilizar o traballo de persoas que, desde ámbitos moi distintos, contribúen cada día a avanzar en igualdade.

A entrega dos premios celebrarase o sábado 25 de abril no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro. O acto, aberto a toda a veciñanza, comezará ás 12.00 horas e servirá para formalizar un galardón que nace con vocación de continuidade dentro do calendario institucional de Curtis.

0.1182599067688