Case 500 menores gozan en Culleredo dun verán de xogos, aprendizaxe e conciliación

As Mañás de Campamento xa están en marcha en Culleredo cunha participación de 498 nenos e nenas ao longo dos diferentes turnos. O programa, que comezou o 22 de xuño e continuará ata o 28 de agosto, ofrece unha alternativa de ocio educativo durante as vacacións escolares e facilita a conciliación das familias no verán.
A tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, e a concelleira de Cultura, Penélope López, visitaron este luns as actividades para coñecer o seu desenvolvemento. Pardo destacou que esta iniciativa é 'unha ferramenta fundamental durante o verán, cando rematan as clases pero non as obrigas laborais'.
Baixo o fío condutor 'Mañás de Campamento nunha viaxe no tempo', os participantes realizan obradoiros vinculados coa ciencia, a música, a historia, as artes ou a natureza. As propostas están adaptadas por idades e buscan promover valores como o respecto, a integración, a tolerancia e o traballo en equipo.
As actividades desenvólvense de 9.00 a 14.00 horas nos CEIP Isaac Díaz Pardo, Sofía Casanova e Vila de Rutis. O programa conta tamén con servizos opcionais de almorzo e comida, que permiten ampliar o horario de 7.30 a 16.00 horas. En total, 109 menores participan nesta xornada completa.
Pardo agradeceu o traballo do equipo de monitores e monitoras e asegurou que o goberno municipal seguirá apoiando propostas que responden ás necesidades reais das familias culleredenses.