Case 400 efectivos reforzarán o dispositivo da Coruña para a xornada da eclipse

Case 400 persoas participarán no dispositivo especial preparado para este mércores con motivo da eclipse total de Sol, nunha xornada na que se prevé unha importante afluencia de persoas e numerosos desprazamentos pola cidade. O operativo incluirá efectivos de Policía, Bombeiros, Protección Civil e persoal sanitario, ademais dun reforzo dos servizos de limpeza e da recollida de residuos.
Entre as medidas previstas figura a instalación de 155 novos contedores, que se distribuirán en máis de 40 puntos considerados especialmente axeitados para observar o fenómeno astronómico. En total, estes novos colectores sumarán unha capacidade de 85.000 litros. Preto de 60 estarán destinados á fracción resto, onde deberán depositarse as lentes utilizadas para observar a eclipse no caso de que non sexa posible separar o filtro da montura.
O Concello recomenda, en todo caso, conservar as lentes sempre que sexa posible, xa que poden reutilizarse en futuros fenómenos astronómicos. Durante a xornada realizarase tamén un seguimento específico da acumulación de residuos para evitar o desbordamento dos colectores. A limpeza reforzarase especialmente nos puntos nos que se agarda unha maior concentración de público.
Tamén se ampliará a oferta de aseos químicos públicos, con instalacións previstas en lugares como o monte de San Pedro e Novo Mesoiro, entre outros puntos da cidade.
Un dispositivo especial para unha tarde con moitos desprazamentos
O momento de maior complexidade para a mobilidade situarase entre as 19:00 e as 21:00 horas, coincidindo a fase de totalidade da eclipse coa proximidade do partido entre o Deportivo e o Real Madrid, correspondente ao Trofeo Teresa Herrera. A coincidencia de ambos os acontecementos fai prever unha elevada presenza de persoas na contorna de Riazor, as praias e o paseo marítimo.
Para supervisar a situación habilitarase desde primeira hora un posto de mando centralizado na Coiraza do Orzán, desde onde se fará seguimento en directo do tráfico, dos desprazamentos e das posibles incidencias. A Policía Local contará ademais cos seus drons para controlar zonas nas que se produzan concentracións importantes de persoas.
Na propia Coiraza instalarase tamén un punto violeta, destinado a ofrecer un espazo seguro ante posibles situacións de violencia sexual, e unha zona específica para persoas con mobilidade reducida, desde a que poderán observar a eclipse con condicións adecuadas de accesibilidade e seguridade.
O Concello repartirá durante estes días polo paseo marítimo información coas principais recomendacións de seguridade e mobilidade e insiste na importancia de planificar os desprazamentos con antelación.
Aparcadoiros disuasorios e máis autobuses
O transporte público contará cun dispositivo especial para intentar reducir a entrada de vehículos e os posibles atascos. Haberá autobuses lanzadeira entre os campus da Zapateira e Elviña e a praza de Pontevedra, utilizando os aparcadoiros disuasorios habilitados nestas zonas.
Ademais, a liña 3-A reforzará a súa frecuencia e conectará Porta Real cos accesos ao monte de San Pedro e O Portiño, con autobuses cada 15 minutos.
Durante a tarde tamén se instalará sinalización preventiva nos paneis das vías de alta capacidade para informar dos cortes de tráfico e dos desvíos previstos no paseo marítimo.
Desde o Concello recoméndase evitar o vehículo privado sempre que sexa posible y, especialmente, planificar os desprazamentos con antelación e optar por camiñar ou utilizar o transporte público. Os servizos municipais lembran ademais que non será necesario desprazarse ata os lugares máis concorridos, xa que existen máis de 40 puntos de observación distribuídos polos distintos barrios.
Peche anticipado de instalacións municipais
A previsión de movementos tamén levará a modificar o funcionamento dalgunhas instalacións municipais. Os Museos Científicos Coruñeses pecharán ás 18:00 horas, mentres que pola tarde quedarán suspendidas actividades deportivas como Coruña en Forma e pecharanse os campos da Cidade Deportiva da Torre e o campo de golf.
A programación cultural, pola súa banda, manterá diferentes propostas durante a xornada. No parque de Santa Margarida, entre as 18:00 e as 20:00 horas, desenvolverase a experiencia 'Vamos a Star bajo el anillo', con música, divulgación científica e humor, coa participación de Rosana, David Amor, Xabier Pérez Couto e a Familia Torres de Pascual, ademais dunha intervención por conexión do divulgador Javier Santaolalla. A actividade rematará cun concerto acústico de Rosana.
Xa pola noite, ás 22:00 horas, a praza de María Pita acollerá a actuación de Los Satélites e Paco Lodeiro, nun concerto vinculado á tradición musical galega e á figura de Pucho Boedo, cando se cumpren 40 anos do seu falecemento.
A xornada coincidirá tamén co inicio do XXXIX Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña, que arrancará ás 18:00 horas no Campo da Leña coa participación de agrupacións procedentes de Galicia, Botsuana, Filipinas, Armenia e Perú.
Con este dispositivo, o Concello pretende afrontar unha xornada especialmente complexa desde o punto de vista da seguridade, a mobilidade e a limpeza e facilitar que a cidadanía e as persoas visitantes poidan vivir a eclipse nas mellores condicións posibles.