Carral prepara máis de 5.000 racións para celebrar a súa gran Festa da Empanada

Carral prepárase para vivir este xoves, 3 de setembro, unha das súas grandes citas gastronómicas do final do verán. O Campo da Feira acollerá desde as 18.30 horas a LI Festa da Empanada de Carral e do Folclore Galego, unha celebración que combinará as tradicionais empanadas elaboradas polos obradoiros locais con diferentes actuacións de música tradicional galega.
O Concello agarda repartir máis de 5.000 racións durante unha xornada que servirá ademais como antesala da programación nocturna das festas do Socorro, coa actuación da orquestra París de Noia xunto a Los Coleguitas.
As persoas asistentes poderán degustar distintas variedades de empanada, entre elas as elaboradas con atún, zamburiñas, bacallau e polbo. A preparación correrá a cargo dos obradoiros locais Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández e Panadería Carral Rosmar.
Catro grupos encherán de música tradicional o Campo da Feira
A gastronomía compartirá protagonismo co folclore galego ao longo da tarde. A programación comezará ás 18.30 horas coa actuación de O Rueiro de Tabeaio.
Ás 19.00 horas será a quenda de As Cantareiras das Encrobas, mentres que Xodó actuará ás 19.45 horas. O Grupo de Música Tradicional Arnela será o encargado de pechar as actuacións ás 20.30 horas.
O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, presentou a celebración xunto á concelleira de Cultura, Turismo e Comercio, Isabel López, e varios dos mestres panadeiros que participan nesta edición.
Unha cita consolidada nas festas do Socorro
A LI Festa da Empanada pretende poñer en valor un dos produtos máis representativos da gastronomía carralesa e manter unha celebración que forma parte do calendario festivo do municipio desde hai décadas.
O Concello agradece a implicación dos obradoiros, as agrupacións folclóricas e a comisión das festas do Socorro, cuxa programación continuará durante os próximos días con diferentes propostas.