Cambre reforzará os seus Servizos Sociais con catro incorporacións e desbloqueará máis de cen vales de alimentos

ACoruñaXa
O Concello trasladou á Inspección de Servizos Sociais as medidas adoptadas para manter a atención á veciñanza mentres afronta as baixas no departamento
Imaxe da casa do Concello en Cambre
25 Jun 2026

O Concello de Cambre prevé reforzar o departamento de Servizos Sociais coa incorporación de catro novos profesionais e iniciar nos próximos días a entrega de máis de cen vales de alimentos correspondentes a expedientes xa revisados e tramitados. Así o trasladaron a alcaldesa, Diana Piñeiro, e o coordinador en funcións do servizo durante unha reunión mantida coa Inspección de Servizos Sociais da Xunta de Galicia.

O encontro produciuse despois dunha visita realizada polo persoal inspector ás dependencias municipais e serviu para explicar as medidas adoptadas polo Goberno local para manter a actividade dun departamento que nas últimas semanas se viu condicionado polas baixas laborais de parte do seu persoal. Segundo o Concello, esta situación obrigou a reorganizar internamente o servizo co obxectivo de seguir garantindo a atención á cidadanía.

Entre as actuacións anunciadas destaca a entrega inminente de máis dun cento de vales de alimentos, unha vez completada a tramitación administrativa dos expedientes correspondentes.

Ademais, o próximo martes, 30 de xuño, celebrarase un proceso selectivo para incorporar dous traballadores sociais que cubrirán as baixas existentes, aos que se sumarán outras dúas contratacións temporais por acumulación de tarefas. Con este reforzo, o Concello pretende que o departamento pase a contar cun equipo de cinco traballadores sociais, incrementando a súa capacidade de resposta ás necesidades da veciñanza.

Desde o Goberno local confían en que estas incorporacións permitan recuperar progresivamente a normalidade nun servizo que nos últimos meses estivo no centro do debate municipal debido á carga de traballo e ás dificultades derivadas da falta de persoal. Precisamente, a situación dos Servizos Sociais de Cambre xa xerara discusión política nas últimas semanas, especialmente arredor do funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar e da necesidade de reforzar os recursos humanos do departamento.

Como mostra do compromiso coa mellora do servizo, a alcaldesa e o coordinador en funcións convidaron á Inspección de Servizos Sociais a regresar ao Concello dentro de dous meses para comprobar sobre o terreo a evolución do departamento tras a posta en marcha destas medidas.

0.12628197669983