Betanzos pide á Xunta completar a ETAP para acabar coa turbidez da auga

A Estación de Tratamento de Auga Potable de Betanzos vén de rematar unha actuación de mellora destinada a reforzar a calidade da auga que chega á veciñanza. Os traballos permitiron modernizar parte do funcionamento da planta e mellorar a súa capacidade de resposta ante episodios de turbidez, aínda que o Concello advirte de que a intervención non resolve ao 100% o problema.
Segundo o Goberno local, as obras supuxeron arredor de 1,2 millóns de euros e foron financiadas con fondos europeos canalizados a través da Xunta e con achega municipal. A actuación incorporou unha nova etapa de decantación para mellorar a sedimentación das partículas presentes na auga bruta, reforzou o sistema de filtración cunha nova liña de tratamento e incluíu un sistema automatizado de control para xestionar a planta tanto de forma local como remota.
A alcaldesa, María Barral, valorou positivamente a finalización destes traballos, que cualificou como 'necesarios e prioritarios' para avanzar na mellora do abastecemento. Con todo, insistiu en que a obra debe entenderse como unha parte da solución e non como o remate definitivo do proxecto.
Barral lembra que a proposta inicial incluía unha segunda fase de actuacións que finalmente non foi executada pola Xunta. Segundo defende o Concello, esa intervención pendente é clave para completar a modernización da ETAP e acadar unha eficacia practicamente total fronte aos episodios de turbidez, especialmente nos períodos de fortes choivas ou cando se producen alteracións na calidade da auga captada.
O Concello reclama agora á Xunta que retome o proxecto previsto e habilite o investimento necesario para executar esa nova fase. A rexedora sostén que non se pode deixar a actuación 'a medio camiño' cando xa existe unha solución técnica pensada para garantir a subministración de auga en cantidade e calidade suficientes, tanto para as necesidades actuais como para as futuras do municipio.