A rede de auga potable de Betanzos reforza a súa capacidade con 1,8 millóns en melloras

ACoruñaXa
A Xunta entrega ao Concello a primeira fase da modernización do sistema de abastecemento, que permitirá dar servizo con máis garantías a máis de 15.600 persoas
BETANZOS sistema augas
10 Jun 2026

A Xunta vén de completar e entregar ao Concello de Betanzos as obras da primeira fase da mellora do sistema municipal de abastecemento, unha actuación destinada a reforzar a calidade e a capacidade de produción de auga potable no municipio.

Os traballos, executados a través de Augas de Galicia, supuxeron un investimento total de 1,8 millóns de euros, con financiamento europeo do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). A actuación desenvolveuse ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Goberno local, que cofinanciaron o proxecto.

A intervención centrouse na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) do Couto, unha infraestrutura clave para o municipio, xa que abastece á práctica totalidade da poboación. A planta presentaba limitacións para responder con solvencia a determinados episodios de turbidez e para garantir a capacidade necesaria nos momentos de maior demanda.

Coa obra xa rematada, a instalación incorpora novos procesos para mellorar a preparación da auga antes da filtración, separar con máis eficacia as partículas en suspensión, impulsar a auga clarificada cara aos filtros e reforzar a fase final do tratamento. Estas melloras permitirán elevar a produción máxima ata os 417 metros cúbicos por hora, fronte aos 170 metros cúbicos por hora que se acadaban ata o momento como máximo real.

A nova infraestrutura dará servizo a uns 15.612 habitantes equivalentes, unha cifra que inclúe a poboación residente, a estacional e tamén as necesidades vinculadas á actividade industrial e comercial da zona.

Tras a recepción da obra, o Concello de Betanzos asume desde agora a explotación, mantemento e conservación das instalacións, que quedan preparadas para ofrecer un abastecemento máis robusto e con maior capacidade de resposta.

0.12580299377441