Bergondo recupera a súa xornada de Baile Verbena para maiores de 55 anos

Bergondo recuperará este mes a súa xornada de Baile Verbena, unha actividade incluída no Programa Municipal de Envellecemento Activo que regresa despois de varios anos sen celebrarse. A proposta está dirixida ás persoas maiores de 55 anos do municipio e terá lugar o sábado 21 de novembro, entre as 17.30 e as 21.30 horas, no polideportivo de Guísamo.
O Concello retoma esta iniciativa a petición das propias persoas usuarias do programa municipal, co obxectivo de ofrecerlles un espazo de encontro e lecer arredor da música e do baile. A actividade busca favorecer as relacións sociais, promover un envellecemento activo e saudable e contribuír a combater a soidade non desexada.
A xornada comezará ás 17.30 horas coa apertura do recinto. A continuación, as persoas asistentes poderán compartir unha merenda e participar no baile, que estará amenizado polo Dúo Karamba. Non é necesario saber bailar nin acudir en parella: a participación está aberta tanto a quen queira asistir individualmente como a quen prefira facelo acompañado de amizades ou familiares.
Ademais, a organización porá transporte a disposición das persoas que o soliciten, co propósito de facilitar os desprazamentos desde as distintas parroquias do municipio e evitar que as dificultades de mobilidade sexan un obstáculo para participar.
As inscricións deberán realizarse os días 12 e 13 de novembro, en horario de 8.00 a 20.00 horas, chamando ao teléfono 610 975 065. As prazas son limitadas, polo que o Concello lembra a importancia de anotarse dentro do prazo establecido para poder organizar a merenda e o servizo de transporte.
A recuperación do Baile Verbena enmárcase na programación municipal de Envellecemento Activo, coa que o Concello busca fomentar a participación e ofrecer alternativas de convivencia e ocio ás persoas maiores de Bergondo.