Bergondo conmemora o 25N cunha programación de actividades educativas, culturais e de prevención da violencia machista

ACoruñaXa
O Concello organizará un contacontos para o alumnado do CRA, unha representación teatral para estudantes da ESO, un obradoiro de defensa persoal e unha función de teatro aberta ao público
25n xenérico
23 Nov 2026

O Concello de Bergondo conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o 25 de novembro, cunha programación de actividades centradas na sensibilización, a prevención e a promoción da igualdade. Baixo o lema ‘Fronte á violencia de xénero, educación, prevención e compromiso colectivo’, a iniciativa busca implicar a toda a sociedade e poñer o foco na educación como ferramenta fundamental para avanzar cara a unha sociedade libre de violencia contra as mulleres.

A programación continuará o mércores 25 de novembro cun contacontos infantil, ‘Principas e princesos’, a cargo de Pablísimo e cedido polo Circuito de Igualdade da Deputación da Coruña. A actividade terá lugar ás 10:00 horas no edificio A Senra e estará dirixida ao alumnado do CRA de Bergondo.

O xoves 26 de novembro, o alumnado da ESO do CPI Cruz do Sar asistirá ao espectáculo ‘Golpes’, cedido pola Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero. A representación desenvolverase no edificio A Senra entre as 13:10 e as 14:40 horas e permitirá achegar a realidade da violencia de xénero á mocidade a través dunha proposta cultural e de sensibilización.

O sábado 28 de novembro, o Concello organizará un obradoiro de defensa persoal no Ximnasio da Senra, de 17:00 a 19:00 horas, destinado a ofrecer ferramentas prácticas de autoprotección e seguridade persoal. As persoas interesadas poderán inscribirse a través do formulario dispoñible na web municipal e nas redes sociais oficiais.

Ese mesmo día, ás 19:00 horas, o edificio A Senra acollerá a representación teatral ‘Sophie non é meu nome de guerra’, de Redrum Teatro. A función será para todos os públicos e contará con entrada gratuíta.

A alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, destaca a importancia de implicar a toda a sociedade e traballar desde a educación para avanzar cara a unha sociedade libre de violencia contra as mulleres. O Concello lembra que a prevención e a sensibilización deben ser un compromiso permanente, máis alá da conmemoración do 25N.

0.15584802627563