As Torres de Santa Cruz acollen unha xornada para compartir tempo, aprendizaxes e lecer en familia

As familias de Oleiros con fillos e fillas menores de idade teñen unha nova cita para convivir, aprender e gozar xuntas. O Concello organiza o sábado 9 de maio o II Encontro de Familias Inquedas, unha xornada que se desenvolverá nas Torres de Santa Cruz con actividades durante a mañá e a tarde.
A proposta nace como un espazo para compartir experiencias, crear redes entre familias e participar en dinámicas lúdicas e formativas arredor da educación, a comunicación e a creatividade. A recepción das persoas participantes abrirase ás 11.15 horas e, arredor das 12.00 horas, comezarán dous obradoiros paralelos, un dirixido ás persoas adultas e outro pensado para a rapazada.
No caso das nais e pais, a actividade levará por título 'Comunicación, negociacións e conversas difíciles nas vacacións'. Será impartida por Sara Vierna, de Almas Meraki, que traballará a través de dinámicas vivenciais para ofrecer ferramentas que axuden a comunicarse dun xeito máis saudable desde o punto de vista emocional.
Ao mesmo tempo, os nenos e nenas participarán nun obradoiro de expresión artística centrado na natureza e na creatividade. A actividade estará guiada por María Dolores López Polo, coñecida polo seu traballo á fronte de El Taller de Polo.
Tras os obradoiros da mañá, as familias compartirán un tempo de comida nos xardíns das Torres de Santa Cruz. Cada unidade familiar poderá levar a súa propia comida e empregar as mesas e cadeiras habilitadas no recinto, nun momento pensado para continuar a conversa e favorecer o encontro entre participantes.
A programación seguirá pola tarde cun obradoiro de dinámicas teatrais a cargo de Ramiro Neira, no que persoas adultas e menores participarán conxuntamente nunha proposta pensada para xogar, rir e explorar a expresión artística en común.
O encontro rematará arredor das 18.00 horas cun espectáculo de contacontos musical do Dúo Chilú, no que Fabipuntito narrará contos labregos acompañada pola música de David.
As prazas son limitadas e terán prioridade as familias que xa participaron nalgún momento nos obradoiros ou seminarios do programa Familias Inquedas. As inscricións realizaranse a través dun formulario dispoñible na web municipal, no apartado 'Participa/Actividades Sociais', desde o xoves 30 de abril ás 12.00 horas ata o mércores 6 de maio ás 23.00 horas.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Concello de Oleiros nos teléfonos 981 610 000, extensión 1215, ou 604 052 877, así como no correo p.cibeira@oleiros.org.